A gran sardiñada popular converte a Vilaxoán en referente social e culinario

A gran sardiñada popular converte a Vilaxoán en referente social e culinario

Fin de semana intenso en Vilaxoán. A sardiña á grella volveu ser a gran protagonista na xornada de onte na gran comedela popular no parque de Dona Concha. A organización repartiu unha tonelada deste manxar entre os milleiros de visitantes que non quixeron perderse unha cita que suma gastronomía, loita, solidaridade e moito espectáculo musical. O bo tempo acompañou unha cita que se iniciou o venres pola tarde coa parte musical prorrogada ata altas horas da madrugada. Hoxe o público da mañá era moito máis familiar. As grellas traballaron a reo dende primeira hora e Vilaxoán encheuse de cheiro a “revenidas” e de moita, moita solidaridade. E é que a tarde foi cousa dos nenos e dos espectáculos circenses máis excepcionais. A Gran Gala Solidaria cos Refuxiados (temática pola que aposta Revenidas este ano) encheu este recuncho arousán das figuras máis irreverentes do humor e do clown como Peter Punk, Javi Javichi ou O Musicólogo. Espectáculo que encandilou sobre todo aos máis pequenos da casa que, nas actividades de balde, tamén teñen cabida nas Revenidas. A noite xa foi cousa dos concertos no escenario portuario de pago.

hoxe segue a festa
Vilaxoán resístese a deixar marchar as Revenidas 2016. De feito hoxe continúa a festa tanto no exterior do recinto como dentro. O barco “Chasula” e o sempre xenial Xurxo Souto serán os protagonistas das tres travesías que partirán dende Vilaxoán e que surcarán a Ría. As saídas están previstas para as doce do mediodía, ás dúas e as catro.
Para non esquecerse dos máis pequenos o domingo tamén será cousa do Xoubiñas Festi dende as doce do mediodía ás cinco da tarde. “Polo correo do vento”, “Chuches a mil”, “Mr. Cool”, “Os títeres Crebanoces” e “Bloquinho Aperta” serán os encargados de poñerlle a diversión á tarde.
A música, como non podía ser doutra forma, tamén tomará Vilaxoán no espazo cerrado do Porto. “Os Vacalouras”, gañadores do Festival de Emerxentes Rías Baixas, actuarán ás seis seguidos de Zoo ás 18:35. Os Ezetaerre, gañadores de Grupos Emerxentes a nivel Galicia estarán ás 19:55 e Os Tres Trebóns ás 20:40. DeLombaos actuarán ás 21:40 e os grandes esperados, La Raíz, tomarán o escenario ás 22:25 seguidos de Cuchufellos ás 23:55 horas e dos grandes Russkaja ás 01:10. Aínda hai entradas.

A gran sardiñada popular converte a Vilaxoán en referente social e culinario

Te puede interesar