Jesús López: “Non queremos polígonos cheos de xestas. Hai que ofrecer a cidade ás empresas”

Jesús López: “Non queremos polígonos cheos de xestas. Hai que ofrecer a cidade ás empresas”
_MG_7156_19142020

Jesús López daba o salto á primeira liña política hai catro anos para liderar a candidatura de Esquerda Unida. Nestes comicios do 2019 aposta por unha coalición de forzas, En Común, coa idea de darlle a Vilagarcía o cambio que, segundo el, a cidade precisa.

Hai moitas alternativas de voto. Por que a mellor é apoiar a Vilagarcía En Común?

Pois porque somos a alternativa real. Todo o mundo sabe que fai o PP cando goberna e tamén o que fai o PSOE e polo tanto queda probar o que pode facer outra xente. En Común é o que mellor define a nosa forma de facer política, fomentando a participación e escoitando ás persoas por igual.

Hai dúas formacións que se presentan a modo de confluencia. Cre que iso pode xerar confusión?

É posible que teñamos algo de confusión, si. Por iso o traballo que estamos facendo é explicalo. A nosa candidatura leva persoas con experiencia de traballo polos demais e pensamos que vai ser a alternativa que a xente ten que elixir.

Cal sería a primeira medida que tomaría se chegara ao goberno?

Pois poría en marcha o Consello Veciñal para empezar a escoitar a todo o mundo dende o primeiro día.

Xa dende EU defenderon sempre ese Consello. Non é difícil ao final levar esa ferramenta á práctica?

Nunha cidade coma Vilagarcía non. Non ten un número de habitantes excesivo e está moi ben representada en todas as parroquias e barrios. Non nos parece utopía, senón todo o contrario. Queremos que as parroquias poidan decidir sobre unha boa parte do orzamento, que poidan xestionar con prioridades como conexión á rede de augas municipal ou o saneamento.

Unha das propostas máis destacables de En Común é a da Axenda 1000 ou, o que é o mesmo, a vontade de crear mil empregos. Como se faría iso?

Primeiro con tempo, porque é algo que non se fai dun día para outro. Despois temos que facer un chamamento a todos os concellos por encima das siglas. Nisto, no que teña que ver co benestar dos veciños, dános igual quen goberne en Vilanova ou en Caldas. Temos chan industrial en desuso e hai que darlle rendemento, por iso hai que coordinarse para que as empresas se asenten aquí. Non queremos polígonos cheos de xestas e por iso hai que moverse e ofrecer Vilagarcía dado que temos todos os atractivos para esas firmas.

Mil empregos son moitos empregos...

Perdemos 2.000 empregos en dez anos. Hai terreo para conseguir 1.000. Non é un soño. Se o é, é porque ningúen se puxo a traballar niso. 

Outros candidatos cando se lles pregunta polo emprego sempre falan de turismo...

Para nós o turismo debe ser un complemento. Pode poñer en valor moitas cousas de Vilagarcía, sabémolo. O que non queremos é convertela só nunha cidade turística, pero a industria extractiva e a de transformación son as que poden xerar riqueza.

Non hai macroproxectos no programa de En Común?

Non, e penso que son unha mentira. Estamos cansos de praias fluviais en Castroagudín ou piscinas de auga salgada na Concha. O que importa é manter limpas as nosas rúas e a nosa Ría. Inventarnos grandes proxectos que non precisamos é prometer á desesperada.

Cal é a súa alternativa para o futuro ambulatorio?

A alternativa está clara e non pasa por seguir petando na Comandancia como se fose unha pedra. Cando unha idea non ten viabilidade hai que ter alternativas. A nosa é a mellor. É manter no barrio de San Roque ese servizo, concretamente detrás dos supermercados Dia e Lidl que son parcelas privadas. Propoñemos negociar con eses propietarios e chegar a un acordo e poñer a disposición esa parcela para que a Sanidade constrúa o ambulatorio.

Durante anos falan da municipalización de servizos, algo que o goberno sempre vos achaca como pouco realizable...

Claro que é posible. Hai que empezar polos contratos máis sinxelos como limpeza de edificios, a propia piscina municipal... é posible porque hai exemplos en España incluso en concellos gobernados por PP e PSOE. 

Que opina En Común das humanizacións?

A única humanización que nós entendemos é que a vila sexa xusta, solidaria e igualitaria. Iso é humanizar unha vila. O outro é peonalizar, digan o que digan dende o goberno. Cambiar asfalto por cemento non é humanizar. Nós pensamos que aínda se poden peonalizar máis rúas, aínda quedan espazos, pero para iso hai que facer cousas antes. Non se pode chegar e quitar o acceso e os aparcamentos e que a xente se busque a vida. Por iso hai que artellar un transporte público eficaz que nos iguale a todos e que non discrimine aos do rural respecto dos do centro.

Que fallou estes catro anos?

Pois fallou a vontade de querer mudar as cousas de verdade e de impoñer o modelo que o goberno pensa que é o correcto para todos. Hai xente que di que leva dous anos esperando que a reciba o alcalde cando el presume de que recibe a todo o mundo cando sabemos que non é así.

Nun escenario sen maiorías ábrense as vías dos pactos. Ten En Común liñas vermellas para chegar a acordos?

Non imos pactar con forzas que non aposten pola transparencia ou que non teñan como prioridade a xestión municipal. Prioridades persoais directas ou indirectas non as imos asumir. Queremos total transparencia nas contratacións, por exemplo. Hai xente que optou a concursos públicos anunciando días antes de pecharse o prazo que eles iban facer eses traballos. 

A dereita está descartada?

O noso perfil e o da dereita son totalmente antagónicos. Nós non imos coa pretensión de que nos dean os salarios se temos que gobernar. Aparte cremos que a dereita non ten capacidade para chegar ao goberno de Vilagarcía.

A pizarra

Jesús López elixe a palabra “Honestidade” como eixo fundamental do que el entende a política. O candidato de En Común sinala que “é o valor que máis temos que ter na vida e máis cando temos que representar aos veciños”. Manifesta López que o importante é “non mentir, non enganar e traballar con transparencia”. Daí que fose a palabra elixida para a pizarra que ofrece Diario de Arousa aos candidatos.

Mañá en Vilagarcía, entrevista a: Alfonso Gallego, candidato do Partido Popular

Jesús López: “Non queremos polígonos cheos de xestas. Hai que ofrecer a cidade ás empresas”

Te puede interesar