Ledicia Costas: “Farei a segunda parte de ‘Infamia’, pero non sei cando. Xa teño a trama”

Ledicia Costas: “Farei a segunda parte de ‘Infamia’, pero non sei cando. Xa teño a trama”
Ledicia Costas coa súa última novela “Golpes de luz”

Considérase unha escritora en experimentación constante e iso foi o que a levou a que arrasase cos seus libros non só na literatura xuvenil, senón tamén na que é pensada para un público adulto. Ledicia Costas desembarca hoxe nas “Conversas ao solpor” da “Vilagarcía. Cidade de libro” para falar, entre outras cuestións, da súa última novela “Golpes de luz” e dos retos que ten por diante nos vindeiros meses.


Empezou escribindo literatura xuvenil, pero vese que lle está collendo o gusto á pensada para o público adulto...

Eu necesito mudar e esa é a razón pola que empecei a escribir literatura para adultos. Levaba tempo producindo libros de infantil e xuvenil e necesitaba cambiar de rexistro. A clave está en mudar a forma na que te dirixes ao lector porque está claro que falarlle a nenos e mozos non é o mesmo que facelo con adultos.


Na última novela “Golpes de luz” o escenario que sobrevoa a trama é o mundo do narcotráfico e os estragos da heroína. Por que esta temática? Que foi o que a levou a elixila?

Elixín falar das consecuencias da heroína porque con 11 anos o meu padriño apareceu morto por sobredose no baño dunha cafetería de Vigo. Nos anos seguintes vivín experiencias moi próximas. Había xente nova no barrio que estaba enganchada e diante dunha das casas nas que vivín de pequena vendían droga. Ver aquelo con 12 ou 13 anos é algo que che impacta. Era un tema que tiña aí pendente dende hai tempo e non me atrevín a facelo ata agora.


O libro ten tamén toques de aventura e dista da temática que ofreceu en “Infamia”, que era máis ben novela negra psicolóxica... Sorprendéronse os seus lectores por este xiro no xénero?

Quen segue a miña traxectoria sabe que unha das marcas da casa é cambiar de rexistro. Eu intento que cada novela sexa un reto, algo novo e iso foi o que fixen con “Golpes de luz”. Apostei así por un toque de humor, de tenrura, de dolor... pode parecer sorprendente que os estragos da heroína vaian no mesmo texto que o humor, pero é o que fixen.


Unha das protagonistas de “Golpes de luz” é unha muller de 80 anos, un arquetipo que non soe ser moi común na literatura.

Certo. É curioso que de sempre as familias xiren arredor das persoas maiores e dos nenos e que logo estes estean desaparecidos nas novelas. Por iso decidín poñer o foco nunha señora dese rango de idade. Despois tamén introduzo ao neno no papel de Sebas e a Xulia no da nai, que é unha xornalista que acaba de divorciarse e que está superando a ruptura co seu home. Volve á casa familiar na que hai un segredo, que é a desaparición do seu pai hai xa moitos anos.


É unha das autoras con libros traducidos a diferentes idiomas, non só ao español... É difícil triunfar fóra?

É complicado triunfar, a secas. Eu escribo en galego que é a miña lingua e non é fácil, que te publiquen fóra xa é unha odisea. Hai moito barullo nas publicacións literarias para adultos que en poucas semanas son sepultadas polas novidades. Despois está o handicap de que moitas librerías nin mostran os seus libros en galego ou están moi agochados. Hainas que os apoian, pero necesitamos máis.


Sempre se di iso de que a xente máis nova non le con iso de que hai moitas distraccións na rede...

A xente nova le, de verdade que le, pese a que sempre hai unha tendencia a demonizar á mocidade. Eu recordo que na miña xeración pasaba exactamente o mesmo; eramos un grupo de amigos e a única lectora era eu. E as persoas adultas len? Igual hai que reflexionar tamén sobre iso...


É obrigado preguntar se vai haber unha continuación de “Infamia” e se hai novos proxectos á vista...

Ten que habela. Eu son consciente de que “Infamia” debe ter unha continuación, o que non sei é cando. Teño clara a trama e incluso o título, se non a escribín é por unha razón que non podo revelar. Ademais estou moi ilusionada porque en outubro publico a novela xuvenil “A lebre mecánica” que sae simultaneamente en galego e castelán. Tamén quero empezar no verán unha novela para público adulto. Teño tres opcións sobre a mesa polo que estes son días de reflexión e de ver cal elixo finalmente.

Ledicia Costas: “Farei a segunda parte de ‘Infamia’, pero non sei cando. Xa teño a trama”

Te puede interesar