O literario pregón de Marcos Calveiro dará inicio a un San Roque familiar e cheo de actos para non perder

O literario pregón de Marcos Calveiro dará inicio a un San Roque familiar e cheo de actos para non perder
Diario de Arousa-2019-07-25-005-246392e4

O autor do éxito que colocou a Vilagarcía nas librerías de toda Galicia, “O xardineiro dos ingleses”, será o encargado de dar o pistoletazo de saída ás festas grandes da localidade. Marcos Calveiro dará o “viva” a San Roque o día 14 desde o balcón de Ravella. Xa o anunciou a edil de Cultura. “Quedan apenas tres semanas para a cita máis esperada”.

Repite o Concello un modelo que gusta e que ten éxito. Un programa para todos os públicos pero especialmente pensado para as familias, que teñen no Festaclown (este ano ven con selo propio) a súa mellor baza.

Solidariedade, diversión e música, moita música, na que o talento local mesturarase con consagrados artistas como Víctor Manuel. O asturiano estará o venres 23 no parque de A Xunqueira para presentar o seu último disco, “Casi nada en su sitio”, pero sen esquencer grandes éxitos da súa traxectoria de máis de 50 anos, coma “El Abuelo”, “Solo pienso en ti” o “Nada sabe más dulce como tu boca”.

Pero antes pasarán polo mesmo escenario o televisivo Blas Cantó, a proposta para o público máis xoven, que estará o xoves; e Xoel López, un dos artistas máis influíntes da nova canción española cun estilo “indefinible”, como o clasificou a propia Outón. O ex de Deluxe estará o mércores 21.

Aínda que o encargado de abrir os concertos na Xunqueira, todos eles gratuitos e a partir das once da noite, será o vilagarcián Cristian Silva. Profeta na súa terra, chega o martes 20 para presentar o seu novo sinxelo, “Lobo Estepario”, un tema co que abre as portas do traballo discográfico que sairá a luz a finais de agosto.

Falando de talento local (“sóbranos”, salientou o alcalde, Alberto Varela), a Banda de Música de Vilagarcía non pode faltar. Estará o 18 de agosto nos xardíns de Ravella, á unha do mediodía, cun dos xéneros nos que mellor se defende. O concerto leva por título “un mar de pasodobres”.

Ademais, José Luis Barreiro actuará o 16 na Alameda coas “cancións de sempre”, a verbena non faltará e haberá momentos para a nostalxia. Un dos concertos máis especiais do programa será o de Los Duendes, que o mércores 14 regalan aos seus seguidores unha actuación de despedida tras máis de cinco décadas sobre escenario, acompañando a artistas coma Julio Iglesias, Raphael ou Peret, entre outros.

Amplo programa 
Estes son so algúns dos atractivos que se suman aos eventos que xa forman unha parte imprescindible do San Roque vilagarcián. Tras o pregón literario, San Roquiño fará boca para o día grande, cunha romería popular na que o barrio que deu orixen ás festas patronais únese para bailar, comer e ampliar a vecindade. Será o 15, a partir do mediodía. A continuación, o 16, chegará a Festa da Auga, coa diversión asegurada e unha sorpresa por desvelar “in situ”, o pregoeiro. O combate Naval será o 24, cando tamén se celebra a Festa do Voluntariado. O clube dos Superroquiños e Fantasio na Rúa son algunhas das actividades diseñadas para os máis pequenos da casa. Polo medio tamén se celebrarán Revenidas e a Festa da Ameixa. Un municipio en festas de norte a sur que amplía o programa durante todo o ano. “O obxectivo é a desestacionalización do noso turismo”, dixo Varela. 

O rexedor tamén destacou o carácter solidario, con Pallasos en Rebeldía ao frente, e inclusivo destas festas. O pregón e actividades como contacontos serán tamén en linguaxe de signos.

Antes de San Roque, Ás nove na praia (desde o martes 6), con Tony Lomba, Expoferta (do 9 ao 11)  ou a Semana do Cine (dende o 27 de xullo). Despois, non decae. Folk no Alobre, Ameixa Rock ou a Noite Meiga, entre outros. Un amplio abano que, dixo Outón, “é o que nos distingue”.

O literario pregón de Marcos Calveiro dará inicio a un San Roque familiar e cheo de actos para non perder

Te puede interesar