Luar na Lubre | “No noso caso non falta inspiración. Sempre estamos a argallar”

Luar na Lubre | “No noso caso non falta inspiración. Sempre estamos a argallar”
Luar na Lubre estará hoxe actuando no Auditorio de Vilagarcía a partir das oito e media |

É moi pouco probable que en Galicia haxa alguén que non saiba quen é Luar na Lubre. A formación pode presumir de ser un dos grandes referentes musicais en Galicia e tamén no ámbito estatal sen perder nunca a esencia da terra que a veu nacer. Luar na Lubre foi premiada en numerosas ocasións con recoñecementos tanto a nivel galego como estatal e dous dos seus discos chegaron a superar as 50.000 copias vendidas. Hoxe chegan a Vilagarcía para sorprender cos seu último traballo discográfico, “Ribeira Sacra”, inspirado no lugar que lle dá o nome.

Como xurdiu a idea de facer un disco inspirado na Ribeira Sacra?
As miñas raíces están nesa zona e dende hai tempo parecíanos interesante afondar no patrimonio que temos nesa comarca que comprende 23 concellos repartidos en dúas provincias. Unha vez postos a traballar nesa idea atopámonos con tanto material que tivemos que facer unha importante selección e case todo está centrado na parte ourensá da Ribeira Sacra.

Vamos, que agora queda pendente seguir afondando na parte lucense...
A zona dá para un segundo, terceiro ou incluso cuarto traballo. De feito é certo que estivemos en varios concertos na parte lucense e prometemos que fariamos algo do seu lado. Teñen moito patrimonio e é importante poñelo en valor.

Fala de que o disco se inspira moito nesa zona, no seu patrimonio e nos seus sons. A que soa a Ribeira Sacra?
A Ribeira Sacra é unha paraxe natural e humana incrible. É moi interesante o absoluto silencio que se pode apreciar alí. Están os Cañóns do Sil que son impresionantes e tamén a acción do home que fixo esas impresionantes bancadas coas que cultivamos o mencía e o godello. A Ribeira Sacra soa ao aire entre os árbores, ás augas, ao carro do país, a unhas campás dalgún mosteiro. Aparte de facer un gran traballo de investigación en canto ás historias e lendas do lugar tamén nos paramos a facer un traballo de recolla sonora de todas as sonoridades que aínda seguen vivas. Que a xente que o escoite sepa como soa a Ribeira Sacra a todos os niveis.

Sons moi diferentes aos que se poden atopar nas Rías Baixas...
Si. Nas Rías Baixas a acción do home superou moitísimo aos sons propios. Na Ribeira Sacra aínda se poden atopar lugares dun silencio que abruma.

Neste traballo contades con colaboración de moitos artistas recoñecidos como poden ser Ses, a Coral de Ruada, Nani García. En qué vos baseastes para elixir a eses nomes? Ou foi espontáneo?
Hai xente coa que tiñamos colaboracións antes e outras que simplemente nos apetecía que estiveran neste traballo. En todo caso foi algo que máis ben se decidiu sobre a marcha coa idea de darlle un pouco máis de amplitude ao traballo. Viamos como ían funcionando as cancións e que voz sería a máis adecuada para interpretala. Puidemos contar con amigos e con xente que, sobre todo, admiramos no mundo da música.

Luar na Lubre leva moitos anos sobre o escenario e con moitos discos xa publicados. Segue habendo inspiración para seguir creando nos vindeiros anos ou vai chegar a un tope máximo de creación?
Para nada. No noso caso non falta inspiración e de feito sempre andamos argallando para o próximo disco. Inspiración non nos falta e esa é unha das vantaxes que ten un grupo como Luar na Lubre. En Galicia temos un patrimonio cultural moi grande e a creatividade non nos falta. Podemos dicir que hai Luar na Lubre para rato. É certo que os galegos tendemos a autodesprezarnos e así nos vai. Non somos quen de valorar o que temos na casa e estamos sempre nesa especie de pescada que morde a cola permanentemente.

Hai culpables desta situación?
Non lle boto a culpa a ninguén, hai moitos a quen botarlla.

Luar na Lubre estará hoxe a partir das oito e media da tarde no Auditorio de Vilagarcía. As entradas poden adquirirse a través de Ticketea ou no mesmo Auditorio dende 12 a 18 euros.

Luar na Lubre | “No noso caso non falta inspiración. Sempre estamos a argallar”

Te puede interesar