Lucía César promete “traballo honesto” no arranque da súa carreira á Alcaldía

Lucía César promete “traballo honesto” no arranque da súa carreira á Alcaldía
Ana Pontón e outros cargos da formación nacionalista estiveron arroupando a Lucía César | g. salgado

Foi coa súa voz e acompañada por Manuel Dopico á guitarra como Lucía César Veloso culminou cunha “declaración de intencións” o acto no que se presentou ante os seus como candidata á Alcaldía de Vilagarcía. A de Bamio fixo un balance dos seus tres anos e medio como parte da oposición e prometeu “moito traballo” nos que lles queda por diante “apoiada por detrás polo mellor escuadrón que unha pode ter”.
Visiblemente emocionada Lucía César recoñeceuse de “xenética brava” e de ser desas que “loita ata o final polo que creo”. A candidata nacionalista enumerou por un lado as propostas que a súa formación achegou durante todos os estes anos ao goberno socialista de Alberto Varela para que este puidese recibir o seu voto favorable nos orzamentos. “Fronte a iso, ás ideas, atopámonos cun incumprimento sistemático das promesas”, lamentou a alcaldable. César Veloso incidiu en que “sempre deixan os nosos proxectos pechados nun caixón, para sacalos a final de ano cando hai superávit e, ben vendelos como propios, ou ben destinar os cartos a Urbanismo. Iso si, no centro, pero a Castroagudín o autobús non chega”, ironizou a de Bamio.
As propostas 
No seu acto de presentación Lucía César desvelou pinceladas do que será o seu programa de cara aos comicios do 2019, moi na liña das propostas realizadas pola súa formación nestes últimos anos. “Apostamos polo rural, polo patrimonio, pola cultura propia, por dotar de saneamento a todas as parroquias que seguen sen telo e por un sistema de comunicacións de de mobilidade real e para todo o territorio”, manifestou. Recoñeceuse orgullosa de ter sido parte das propostas que o Bloque fixo ao goberno socialista nestes últimos anos e incidiu en que “se fixemos todo isto sendo só dous edís imaxinade o que podemos facer se somos máis ou se estamos gobernando”. E é que a nacionalista mostrouse especialmente crítica co feito de que “só se acorden do rural cando hai que subir o IBI xustificando que é para que paguen os dos chalés con piscina. Eu non sei cantos de vós tedes chalés e piscinas no voso entorno. Eu son de Bamio e o que vexo son alboios e alpendres”, matizou con sorna. A alcadable foi definida por aqueles que a acompañaron na mesa de intervencións como unha “muller con experiencia, feminista, lista, dialogante e sobre todo moi honesta, a agradecer nos tempos que corren”.
   Lucía César Veloso estivo acompañada na presentación da súa candidatura por compañeiros nacionalistas de Vilagarcía e tamén de agrupacións do resto da comarca como Cambados, Sanxenxo, O Grove ou Catoira entre outros. A súa posta de largo contou coa presenza da portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, que animou a todos os presentes a facer “moitísima forza” para conseguir o maior apoio posible para “facer que Lucía sexa a próxima alcaldesa de Vilagarcía”. Pontón animou aos presentes a transformar a indignación pola situación actual “ás urnas e aos votos” e incidiu en que “non chega con manifestarse cun tuit ou na casa porque para cambiar as cousas hai que implicarse”. Puxo como exemplo a voceira nacional o éxito da xente do mar á hora de botar abaixo a Lei de Acuicultura.
No marco do acto nacionalista tratáronse temas como o da Mina de Touro sobre a que Pontón sinalou que “non imos permitir que polas ganancias dunha multinacional se poña en risco aos sectores produtivos e a riqueza da Ría de Arousa”.
Con ganas, aínda que cos deberes de ter “moito traballo por diante” os nacionalistas de Vilagarcía iniciaron onte a súa carreira cara os comicios de maio. l

Lucía César promete “traballo honesto” no arranque da súa carreira á Alcaldía

Te puede interesar