Lucía César: “O PSOE fixo medio programa coas nosas ideas e co modelo Pontevedra”

Lucía César: “O PSOE fixo medio programa coas nosas ideas e co modelo Pontevedra”
Diario de Arousa-2019-05-19-005-cc95f788

A candidata do BNG á Alcaldía de Vilagarcía presumiu do traballo feito polo seu grupo durante os últimos catro anos e de propostas coma a posta en marcha da Mancomunidade de Montes. Ademais, a nacionalista acusou aos socialistas de Varela de querer apropiarse desta e doutras iniciativas dos nacionalistas.

“Entre copiar o modelo de Pontevedra e apropiarse das nosas propostas deben facer medio programa”, asegurou César Veloso en referencia á equipa de Alberto Varela ao que advertiu que “non pode facer o mesmo que o BNG” porque “hai que sentilo”.

A alcaldable asegurou que, se chega ao goberno en Ravella, o primeiro que fará será quitar os símbolos franquistas. E neste ámbito tivo ataques tanto para o executivo salinte como para o resto da bancada da esquerda.

Considera Lucía César que a permanencia “40 anos despois da morte do ditador” de símbolos que confesa que lle dan “arrepío”, como a cruz da parroquial, é porque o PSOE non foi “valente” e quixo “quedar ben con todo o mundo, e iso xa di miña nai que non pode ser”.

Asegura a candidata nacionalista que foron as outras forzas de esquerda as que “levan mareando a perdiz” con que “esta rúa non me gusta e esta tampouco porque non é grande nin céntrica. E nós dicimos ben alto e ben claro que non hai rúas de primeira nin de segunda, e que fora o fascismo da nosa vila sen miramentos”.

César Veloso tamén comprometeu unha aposta “firme” pola cultura e polo deporte, “sobre todo o feminino”, fronte “ao que fixo o PSOE” con eventos como “o triatlón” durante o primeiro ano ou, máis recentemente, co “Fúbol sete, que deixou marchar por cuestións personalistas”.

A situación do rural, “con rotondas” formadas por “postes en medio das pistas e adornados con silveiras de medio metro”, do saneamento ou da praza de abastos, “baleira de contidos”, foron outras das críticas da candidata nacionalistas, que prometeu unha vila na que a “cultura se respire” ou unha planificación eléctrica que reduza o impacto ambiental e que non contemple transformadores baixo escolas infantis”.

Bos resultados
O deputado e concelleiro pontevedrés Luis Bará foi outro dos intervintes e arengou aos asistentes tirando de datos, ao asegurar que nas últimas eleccións o BNG foi a forza que máis medrou, “tamén en Vilagarcía, onde medramos o 108 por cento”.

Lucía César: “O PSOE fixo medio programa coas nosas ideas e co modelo Pontevedra”

Te puede interesar