Lucía César Veloso | “O PSOE non pode copiar o modelo de cidade do BNG porque nin o coñece nin tampouco o sente”

Lucía César Veloso | “O PSOE non pode copiar o modelo de cidade do BNG porque nin o coñece nin tampouco o sente”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-c1ed31d6

É a primeira vez que encabeza a lista do BNG á Alcaldía de Vilagarcía, pero os seus compañeiros de formación din dela que é unha muller “brava” que pode con todo. Abandeirada do feminismo e da lingua e da cultura galegas debulla as ideas do modelo de cidade que ten en mente o Bloque.

Por que os vilagarciáns deben votar polo BNG nas eleccións do domingo?
Pois porque o BNG é o exemplo de coherencia e, sobre todo, de constancia no traballo. Somos os que defendemos o noso por encima de todo e estivemos sempre aí.

O BNG ten experiencia de goberno pero vostede é a primeira vez que concurre como cabeza de lista. Que sería o primeiro que faría se fose alcaldesa?
Pois o primeiro que faría sería retirar os nomes franquistas das rúas e tamén a cruz da igrexa. Eu creo que non podemos falar de futuro cando seguimos sen pechar cousas coma esa. Penso que faltou valentía neste senso e é algo que tamén é importante en política. Tamén apostaría por artellar un bo proxecto de cultura e reactivar ese Consello Local que nunca se chegou a pór en marcha.

O PSOE presenta un programa no que aparecen proxectos feitos que no seu día foron idea do BNG. Considera que se usurpou o traballo alleo?
Si, si o considero. O tema é que dende o BNG priorizamos respostar ás necesidades dos veciños antes que vender esas cousas coma logros. Somos conscientes de que houbo unha usurpación e sabiamos que ía pasar.

Houbo unha boa sintonía entre o PSOE e o BNG estes catro anos. Que considera que fallou no goberno de Alberto Varela?
Pois eu penso que se actuou moito por impulsos. Teño a sensación de que se levaron a cabo cuestións sen ter a cousa ben planificada, sen ter unha idea clara do que se quere na cidade. A iso sumamos cuestións como o absoluto abandono do rural en donde hai zonas que están sen saneamento ou o problema que neste sentido segue habendo no centro.

Fala das humanización? O PSOE sempre presume de ter a Pontevedra, gobernada por un alcalde do BNG, como referente...
O modelo de Pontevedra non é un modelo de Lores, senón do Bloque. Por moito que o PSOE queira imitalo non pode, porque non o saben nin o senten. Ese proxecto vai moito máis alá de humanizar, vai de fomentar a accesibilidade. As humanizacións das que tanto se fala non deben ser só no centro e deben facerse con certa planificación, cousa que lle fallou ao PSOE.

Fálase moito de turismo, algúns partidos con proxectos grandes e sonoros...
No ámbito do turismo nós apostamos por potencialo da man dos sectores produtivos. Vilagarcía ten moitísimo patrimonio e é descoñecido. Poderiamos crear roteiros homologados porque oficializalos supón que veña xente e que coñeza o entorno. Tamén apostamos por recuperar o patrimonio: Hai muíños, hai petróglifos... hai que dalos a coñecer.

O Bloque sempre foi moi incisivo co tema do transporte...
É que consideramos que é un asunto primordial, sobre todo para unir as parroquias co centro. O rural foi o gran esquecido. Tamén potenciar un plan comarcal para unirnos co resto dos concellos.

Que facemos co centro de saúde? Poñémolo na parcela da Comandancia?
Nós sabemos recoñecer os erros e ao principio non viamos de todo mal poñer o ambulatorio na Comandancia. Co tempo e despois de analizalo detidamente consideramos que non é a mellor opción. Outros falan de ampliar o que temos, en San Roque, pero dado que nós sempre defendemos a accesibilidade non vemos aquela zona como a máis asequible. Fálase de que non hai parcelas, pero sempre se pode recurrir á expropiación en zonas como Rubiáns ou As Carolinas. Nós cremos que a Comandancia é unha boa zona para poñer a biblioteca e dotala doutros servizos relacionados coa cultura.

Nun escenario no que o BNG poida ser chave de goberno despois do día 26. Poñería como condición entrar con responsabilidades no executivo ou volverían a optar por pactos puntuais metendo ideas de programa como aconteceu neste mandato que remata?
Sería adiantarse moito, pero o que temos claro dende o BNG é que non imos pasar polo mesmo destes catro anos. Tamén é certo que a nosa experiencia de goberno co PSOE non é que fose moi beneficiosa. E nestes catro anos houbo moitas promesas, pero que logo non se cumpriron ou non se executaron. l 

Lucía César Veloso | “O PSOE non pode copiar o modelo de cidade do BNG porque nin o coñece nin tampouco o sente”

Te puede interesar