O maior escaparate da Cultura galega renóvase e agarda 15.000 visitantes

O maior escaparate da Cultura galega renóvase e agarda 15.000 visitantes
Diario de Arousa-2019-11-30-007-b8575262

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu onte a inauguración da duodécima edición do Culturgal, a feira que cada ano congrega no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de 15.000 visitantes arredor das industrias culturais galegas. A Xunta repite como principal patrocinadora do evento, ao que tamén lle achega un total de 24 actividades de dinamización e promoción e onde conta cun expositor propio.

O responsable de Cultura e Turismo visitou este stand durante o seu percorrido polo recinto, tras participar nun acto inaugural no que tamén interviñeron Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, e Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Culturgal. 

Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou o carácter “diverso, aberto e en crecemento” da feira e explicou que Culturgal é “unha das mellores oportunidades para tomarlle o pulso á Cultura Galega que está acontecendo”, destacando o feito de que integra a meirande parte dos protagonistas e profesionais da cultura galega arredor dun evento de lecer cultural do máximo interese para a nosa comunidade.

Apoio autonómico
Ademais dunha contribución económica de 65.000 euros, a Xunta participa nesta XII edición a través da organización directa de 24 actividades e do expositor desde o que se están a difundir as principais iniciativas autonómicas de apoio e promoción da cultura galega. En total, o investimento conxunto do Goberno autonómico no evento supera os 105.000 euros, segundo os datos facilitados onte pola administración galega. 

Neste programa elaborado por Cultura e Turismo, cobran cada vez maior peso as iniciativas relacionadas cos preparativos do Xacobeo 2021, como a exposición O Camiño de Santiago debuxado, que pode visitarse durante os tres días da feira no Espazo Arte Contemporánea, a proxección do documental Camiño de Inverno ou as presentacións da segunda convocatoria do programa O teu Xacobeo e da exposición da Cidade da Cultura Galicia, un relato no mundo.
Así mesmo, anunciaranse programacións, balances de accións realizadas, obradoiros infantís ou libros publicados, así como ferramentas sectoriais como unha xornada de videoxogos, unha charla formativa sobre financiamento de coproducións internacionais de cine e mesmo asuntos tan relevantes na acción do Goberno Galego como a Estratexia da Cultura Galega 21 ou a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco.

“Dálle una volta á feira!”
Baixo o lema “Dálle unha volta á feira!”, o Culturgal 2019 presenta como principal novidade a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros e ciencia, entre outras propostas), Foro (presentacións e encontros profesionais), Carpa (espectáculos, cunha capacidade máxima de 400 persoas), Libro (presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades) e Cinema (traballos audiovisuais e avance dos que virán), ademais do espazo dedicado á arte contemporánea. 
Así, cos 85 expositores do recinto feiral e os 18 do devandito Espazo Arte Contemporánea, este percorrido busca ofrecer unha panorámica da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns e compañías, entre outras entidades. En canto á representación profesional e artística, Miguelanxo Prado, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Oliver Laxe, Ledicia Costas, Dios Ke Te Krew, Tanxugueiras e Mabel Rivera son algúns dos nomes que figuran no programa desta nova edición.

A feira está promovida pola Asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). 

O peso do sector cultural
Durante a presentación do evento, hai uns días, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), indicou que para a Xunta, o Culturgal é unha excelente plataforma que reflicte os bos resultados das sinerxías de colaboración co sector, sobre o que o Observatorio da Cultura Galega acaba de facer público un informe. 

Del, Sutil destacou que Galicia é a quinta Comunidade autónoma con maior número de empregados no ámbito cultural (35.000) e a sexta na porcentaxe destes traballadores respecto á totalidade dos seus empregos.

O maior escaparate da Cultura galega renóvase e agarda 15.000 visitantes

Te puede interesar