Máis de 300 parquistas deciden alegar o decreto de reordenación dos viveiros

Máis de 300 parquistas deciden alegar 
o decreto de reordenación dos viveiros
José Luis Villanueva durante a asamablea do mércores gonzalo salgado

A nova directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, manterá un encontro o vindeiro martes en Santiago co patrón maior da Confraría de Carril, José Luis Villanueva. A cita prográmase, segundo explicaba onte a Consellería, ante as “dúbidas que están xurdindo respecto dun decreto que solo quere resolver unha situación que se remonta a anos atrás”.
O patrón maior e presidente da Agrupación de Parquistas de Carril ve “positivo” o feito que dende o departamento autonómico se lle convoque a unha reunión para falar dun asunto que preocupa, e moito, ao sector. E é que el mesmo dicía onte que polo de agora xa se teñen recollidas alomenos 300 alegacións ao documento final aportado pola Consellería do Mar hai uns días. “Nós sempre estamos abertos a falar, dado que pensamos que as cousas non se fixeron ben e que por iso o sector ten esta desconfianza”, sinala Villanueva.
Dende a Consellería do Mar apuntaban estes días que non contemplan a posibilidade de que non exista unha aceptación do Decreto de reordenación, dado que inciden en que “en cada paso e dende o primeiro momento” sempre se dialogou co sector para poder regularizar unha situación duns viveiros que levan anos sometidos a este proceso. De feito, insiste o departamento autonómico, que todo este proceso se realiza para dar garantías legais aos titulares dos parques de cultivo.
Cabe destacar que foi o mércores desta semana cando a Agrupación de Parquistas convocou a todos os socios e non socios, titulares de viveiros, a unha reunión informativa para resolver dúbidas sobre a implicación do Decreto nas súas concesións. As principais dúbidas xorden en materia de tempo de validez da concesión, establecida co novo Decreto en dez anos prorrogables a cincuenta. Os parquistas estiman que a concesión debería ser por 50 anos directamente, que é o máximo que permite a lexislación vixente.

Máis de 300 parquistas deciden alegar o decreto de reordenación dos viveiros

Te puede interesar