“Manso” despídese de Vilaxoán Canta co “orgullo de ter servido ao meu pobo”

“Manso” despídese de Vilaxoán Canta co “orgullo de ter servido ao meu pobo”
Diario de Arousa-2019-07-23-007-1b587398

Salvador Cores “Manso” é parte xa da historia vilaxoanesa. “Con moita, moita pena” a alma máter de Vilaxoán Canta despedíase onte tras 43 anos dirixindo un barco no que a tripulación está conformada por ducias de voces desta localidade mariñeira. A Praza Rafael Pazos enchíase a rebentar para clausurar un evento único en Galicia e que define a identidade de todo un pobo. A de onte era unha edición especial e un gran cartel que rezaba “Grazas mestre” aventuraba que non ía estar exenta de emocións. Xusto cando as agullas marcaban as oito e media da tarde “Manso” collía a batuta para arrancar co tema “Villajuán del alma”. Ao seu lado, co acordeón, o seu discípulo Álvaro Cardalda que colle “o temón do barco” a partir de agora. Que non é pouco. A Banda Cultural de Vilanova, con Suso á fronte, acompañou ao “mestre” no segundo tema e marchou a ritmo de pasodoble, dos que lle gustan a “Manso”, que co seu inseparable acordeón veu casar a media comarca na Casa Rosita de Cambados. Voces de homes e mulleres, con novas e rexuvenecidas caras, interpretaron “La Mulatita” ou “Ai Lola”, unha canción que entende máis que ninguén a idiosincrasia dun Vilaxoán que “sempre está alegre, sempre está contento, disposto a cantar”.

A despedida de “Manso” non chegaría ata case as nove e media da noite. Púidolle a emoción de ver a todos os seus, familiares e amigos incluídos, a pé de palco. Quebróuselle a voz para agradecer “todo o apoio do pobo de Vilaxoán que nunca tivo malas palabras para min” e para pedirlles precisamente aos vilaxoaneses que “respetedes á Coral, que é o motor deste barco” e pedir que “veñades aos ensaios para non deixar morrer isto, porque cantar é bo e alégranse as penas”.

A sucesión
Foi o propio Salvador Cores o que puxo a súa man sobre Álvaro Cardalda para sinalar que “deixo isto en moi boas mans” e ao que definiu como “un excelente músico, dos bos, dos de Conservatorio e non dos de oído”.

Con 82 anos e 43 dirixindo Vilaxoán Canta “Manso” escoitou dende as primeiras filas gritos que coreaban o seu nome, así como aplausos que se escoitaban incluso na zona portuaria. Así pois a calurosa tarde vilaxoanesa aledouse con temas cantados por todos como “La viajera” ou “Los gavilanes” a dúas voces. Tampouco faltou o “Sómosche de Vilaxoán”, quizá unha das cancións que máis define o orgullo daqueles que naceron o viviron neste recuncho de Arousa.

“Manso” dixo adeus con pena a unha parte importante da súa vida. “Voume con pena e ao mesmo tempo co orgullo de ter servido ao meu pobo”. Imposible non emocionarse.

“Manso” despídese de Vilaxoán Canta co “orgullo de ter servido ao meu pobo”

Te puede interesar