En Marea apela a “votar con memoria” para entregar a política “á xente do común”

En Marea apela a “votar con memoria”  para entregar a política “á xente do común”

Memoria, dignidade, clase obreira e xente do común. Esas foron as expresións máis repetidas no acto electoral que a formación En Marea celebrou na Praza da Peixería. O frío do ambiente contrastou cuns discursos plagados de mensaxes que apelaban a “encher as urnas o domingo” coas papeletas da formación “que representa á xente do común”. O acto comezou con Suso López no atril. Foi el o que lembro que hai xusto un ano que a Peixería estaba chea de xente “en defensa dun traballo digno e en apoio á loita dos traballadores de Lantero”. López fixo referencias á importancia de que a cidadanía “recupere o espazo de representatividade”. Engadiu ademais que “temos que mudar as políticas botando aos políticos que non saben máis que roubar e atacar”.
As referencias á memoria, un elemento que utiliza Podemos noutras partes de España, foron o fío condutor dun acto que foi entrando en calor pouco a pouco e que contou cun alta dose de presenza feminina enriba do escenario. Dende Madrid achegouse ata Vilagarcía Clara Serra, unha das responsables da área de Igualdade da formación “morada”. “La feminización de la política ya es una realidad y es un ejemplo más del cambio que estamos a vivir”, explicou a que ela mesma se definiu como “una de esas perroflautas que dicen muchos a la que miran mal en las instituciones”. Serra falou en clave feminina. Falou de conciliación, de baixas de maternidade, de necesidade de revalorizar o espazo que a muller ocupa na sociedade. “Que las niñas puedan soñar lo que no hemos podido soñar como mujeres”, explicou.
Foron as dúas cabezas de candidatura pola provincia de Pontevedra, Ángela Rodríguez e Alexandra Fernández, as encargadas de pechar o acto. Fixérono con palabras que apelaban á conciencia de clase e “ás ganas de mudar as cousas”. O Partido Popular, e as políticas desenvolvidas nos últimos catro anos polo goberno de Rajoy, e tamén o mandato do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, tiveron presenza no acto de En Marea que os ponentes se resistiron a chamarlle mitin.  “Mariano, sé forte”, ironizaba Ángela Rodríguez en referencia aos resultados que se van vivir tras os comicios do vindeiro domingo.
En máis dunha ocasión a Praza da Peixería púxose en pé para gritar ao unísono as consignas da formación que aglutina a EU-Podemos e Anova. “Si se pode” e “Hai marea” resoaron alto e forte no recinto.

En Marea apela a “votar con memoria” para entregar a política “á xente do común”

Te puede interesar