María de la O Fernández | “Unha vez dentro das institucións é importante non esquecerse de quen foches e pisar a rúa”

María de la O Fernández | “Unha vez dentro das institucións é importante non esquecerse  de quen foches e pisar a rúa”
maría boa dous

María de la O Fernández encabeza a candidatura de Marea da Vila, unha formación que se estrea nos comicios electorais do domingo. Mestra de profesión afirma que representa a “nova política” que vén para “mudar vellas formas”.

Por que a xente debe elixir a papeleta de Marea da Vila?
Pois porque somos a alternativa que precisa Vilagarcía. A cidade precisa un cambio. Nós temos un proxecto para a nosa vila que se vai desenvolver a longo prazo e que pon no centro á veciñanza. Cremos que hai que facer políticas nas que a xente sexa prioritaria.

Hai xente que pode pensar que hai máis alternativas, dado que hai un desmembramento importante tanto na esquerda como na dereita...
O que nos diferencia é a nosa forma de traballar. Nós somos os únicos por primeira vez, certo, pero hai outros partidos que intentan presentarse como novos partidos e nova política e realmente xa veñen doutras formacións que estiveron na oposición e que nin fixeron oposición nin demostraron nada todo este tempo. Nos partidos tradicionais, un tanto do mesmo. É moi bonito falar de participación cando despois non existe. Tiveron anos e anos para demostrar que eles son a alternativa.

Realmente que define esa “nova política” da que se fala?
Dentro da vella estrutura o que diferencia a nova política é involucrar á xente de a pé. Nós somos todos xente de a pé que decidimos dar o paso porque pensamos que é preciso dar un cambio e que ese cambio é viable. Unha vez que entras nas institucións o importante é non esquecerse do que foches. Aínda que sexas alcaldesa eres un cidadán máis. É preciso ter un pé nas institucións, pero tamén un pé na rúa sempre e facer partícipe á xente para implicala. Por que non se escoita á xente cando queremos facer propostas?

Entre as súas propostas está a de promover a chamada “economía social”, algo que moita xente non sabe nin o que é...
A economía social é unha forma de xestión que non vai priorizar os beneficios porque unha das súas formas é o cooperativismo. Así por exemplo nunha época de crise nunha cooperativa non temos que render contas a un superior que nos estea pedindo beneficios. Así vaise conseguir que todos sexamos iguais dentro da mesma empresa e que as ganancias repercutan tamén en todos

Supoño que é o eixo que aplicariades a nivel de emprego...
Si e ademais do tema de economía social tamén temos outras propostas. Por exemplo cando hai unha obra de gran magnitude no Concello só poden acceder as grandes empresas porque están obrigadas a poñer un aval do 10 % do orzamento global. Aquí en Vilagarcía non temos grandes empresas e se queremos que as firmas locais participen o que propoñemos é partir esas obras para que poidan concurrir as máximas empresas posibles.

O turismo é outro dos eixos nos que máis se está incidindo nesta campaña. Que propón Marea da Vila para a praia?
Nós non propoñemos piscinas de auga salgada, non. Para iso xa temos unha moi grande que se chama mar. Penso que hai que dinamizar os espacios que hai na praia e recuperar os deportes que alí se facían. Hai que mellorar as zonas verdes e a auga. Nós plantexamos un semáforo de medición da calidade. Eu penso que hai que estar encima de todo iso e ter máis coidado co tema das verteduras, que nos preocupa moito.

Falan no seu programa de potenciar tamén rutas arqueolóxicas...
Vilagarcía é unha vila que ten un enorme potencial e non lle estamos sacando proveito ao que realmente temos. No Monte Xiabre hai dous conxuntos arqueolóxicos importantes que non se ven e que están nunha situación de total abandono, ao igual que o Castro da Xaiba. Nós buscamos un plan de turismo sostible e que sexa compatible coa convivencia dos veciños.

E que facemos co centro de saúde? Poñémolo na Comandancia?
Na Comandancia nunca! En primeiro orde o centro de saúde precisa persoal, iso é evidente. Que dende o Concello non hai competencia? Non hai competencia, pero pode presionar. Non podemos botar balóns fóra. Non nos vale de nada construír un gran ambulatorio se dentro non hai médicos. É certo que o centro de San Roque necesita unha remodelación. Que precise outra ubicación? Eu non o teño claro.

Continuarían coa política de humanizacións que promoveu o actual goberno?
Nós priorizamos a accesibilidade. Non podemos humanizar e poñer elementos arquitectónicos que sexan incompatibles con iso. Primeiro iso e logo as humanizacións.  A Praza de Galicia está peonalizada, pero na rúa enfrente do Castro Alobre non se pode pasar con cadeira de rodas. 

Poñámonos nun escenario post electoral. Hai liñas vermellas á hora de pactar para Marea da Vila?
Non. O noso obxectivo é mellorar o día a día da xente e mentres todos vaiamos nese sentido non imos ter liñas vermellas.

María de la O Fernández | “Unha vez dentro das institucións é importante non esquecerse de quen foches e pisar a rúa”

Te puede interesar