María José Cacabelos: “Votar BNG é votar Galicia. Quen mellor coñece a casa que quen vive nela?”

María José Cacabelos: “Votar BNG é votar Galicia. Quen mellor coñece a casa que quen vive nela?”
Diario de Arousa-9999-99-99-999-27c369c2

María José Cacabelos non é nova en política. Cambadesa e mariscadora de oficio foi vicepatroa maior da Cofradía e concelleira de goberno durante este mandato polo BNG no seu concello. Agora é a número 6 da formación nacionalista ao Congreso por Pontevedra. Asegura que respira “ilusión” nas rúas cando explica o proxecto do Bloque e que hai moito que mudar para non “volver a tempos pasados”.

Por qué o BNG é a mellor opción de voto para os arousáns? 

Pois a mostra tivémola estes tres anos. O BNG non estivo no Congreso e a voz de Galicia non se escoitou. É moi importante ter voz propia e o Bloque é o único partido que só se debe aos cidadáns galegos. O BNG vai antepoñer o interese de Galicia ante calquera outro.
 
O voto nacionalista que levaba historicamente o BNG foi hai tres anos a parar a outras formacións que tamén venden o de ser a voz de Galicia. Cre que iso pode confundir ao electorado?

Remitíndonos aos feitos constatados non pode despistarse ninguén. De feito estes tres anos esas forzas que vendían ilusión e ser unha voz nacionalista ao final non se escoitaron no Congreso. O que primaron foron os intereses doutras rexións e os de Galicia estiveron desaparecidos. Os cidadáns teñen que ver que cando o BNG estivo en Madrid foi cando se conseguiron maiores logros para aquí.

O tema do mar e do seu sector, que distingue a Galicia doutras comunidades donde non hai esta realidade, sempre estivo presente na acción do BNG...

Si. Hai que ter en conta que as políticas do mar se deciden en Madrid e en Europa. Non é normal que sendo Galicia a maior potencia en flota e en pesca teñamos cotas irrisorias. Iso a que se debe? Pois a que os intereses desta zona non se defenderon como tiñan que terse defendido. Somos o maior produtor de bivalvos, de acuicultura de mexillón... e estannos amenazando por todos os lados. Hai representantes doutros partidos que son de Galicia, pero que teñen as políticas centrais como prioritarias. Eu sempre o digo, se na túa casa che veñen a gobernar os de fóra realmente non saben as necesidades que ti tes. Quen mellor os coñece que quen está na casa?

Hai tres anos o BNG non tivo representación. Nota que a xente se volve a ilusionar e que desta vez é posible volver a Madrid?

Hai tres anos xurdiron unhas forzas que parecía que viñan a revolucionar todo e a cambiar as cousas e que o BNG era algo que xa non tiña proxección... e o que se veu é que esas forzas que viñan de salvadoras de Galicia ao final non estiveron. Nós notamos que moitas persoas que naquel momento se ilusionaron con eses proxectos están volvendo ao BNG.

Aparte do mundo do mar, que outras temáticas están na axenda do BNG se é que chega a Madrid despois do día 28?

Pois estamos moi preocupados polos problemas que estamos tendo no rural. Pensamos que hai que facer políticas para que a xente volva ao rural potenciando os sectores primarios. Iso conleva que teñamos un tren de cercanías que vertebre o territorio e que facilite que os traballadores se poidan desplazar sen problema. Todo cun coste asequible. 

Son rendibles os sectores primarios en Galicia?

Claro que si. Fíxate por exemplo no mundo do mar. Toda a semente que necesitamos traémola de Francia. Os bancos marisqueiros son moi produtivos, pero agora que se profesionalizou o sector e que necesitamos traballar todo o ano nós precisamos semente. Habería que optar por unha segunda reconversión do sector, seguir avanzando. Necesitamos recuperar as zonas improdutivas e ter semente propia. Ao final eses son ingresos que van quedar en Galicia porque no canto de comprala en Francia fariamolo aquí, contribuíndo. 

O sector do mar foi case o único que estivo creando emprego durante a crise e foi donde acabou moita xente con formación. Nós temos un coñecemento dos distintos sectores, algo que non ocorre en Madrid.

Vostede sería a cara de Arousa no grupo parlamentario do BNG. Cales son as demandas que son prioritarias para esta zona?

Hai moitas cousas prioritarias. Os cuarteis da Guardia Civil, a Lei de Costas... o problema da Mina de Touro e a ameaza que supón para a Ría de Arousa. Tamén o saneamento do litoral, a sanidade, a educación, a tarifa eléctrica galega, o coeficiente redutor para as redeiras... A lista é enorme.

As enquisas ofrecen un panorama moi difuso, polo que un deputado do BNG pode ser decisivo á hora de pactar...

Prevese que este goberno no sexa de maiorías, senón que vai ser necesaria unha suma. Se é un suma o que se vai necesitar canto máis teñamos máis decisivos imos ser. O BNG nas enquisas non pode aparecer porque non preguntan por el. Na do CIS, por exemplo, poñen un 4, 5 % para a opción de “Outros”. Se tiveran preguntado polo BNG seguro que esa porcentaxe era do BNG. As enquisas nunca foron realistas, tamén fallaron nas autonómicas. O que está claro é que o voto á nosa candidatura vai ser o máis útil para os galegos.

Cal é, ao seu xuízo, a lei que debería ser derogada canto antes e cal aprobada de primeira unha vez que se constitúan as Cortes tras as eleccións?

Hai un listado enorme, pero de primeiro derogaría a Reforma Laboral e aprobaría outra que defendese os intereses dos traballadores e que promovera que estes poidan ter salarios e condicións dignas para vivir.

María José Cacabelos: “Votar BNG é votar Galicia. Quen mellor coñece a casa que quen vive nela?”

Te puede interesar