O mestre de alemán dos “ingleses”

O mestre de alemán dos “ingleses”
Diario de Arousa-2014-04-11-008-4d21cb5a

A figura de Xosé María Díaz Castro, Letras Galegas 2014, non podería entenderse sen o seu vínculo persoal e profesional con Vilagarcía de Arousa. Descoñecido para moitos o autor forma parte, de forma directa, da historia da capital arousá donde exerceu como docente durante oito anos. Díaz Castro sempre estivo, dende a infancia, rodeado daqueles nomes vencellados directamente co mundo intelectual galego. Foi a súa amizade con Aquilino Iglesia Alvariño forxada nas aulas de Mondoñedo a que puxo o xerme do seu traslado a Vilagarcía.
Díaz Castro chegou á capital arousá en plena posguerra, no ano 1940, para exercer como docente. Fíxoo con Aquilino Iglesia entrando os dous a formar parte do elenco docente do colexio privado Leon XIII. En pleno franquismo as aulas só estaban configuradas por nenos, deixando atrás aquela estela da Segunda República na que rapaces e rapazas compartían pupitre e pizarra.
Formado durante anos no mundo das letras e da filosofía e cunha amplísima bagaxe cultural Díaz Castro ocupouse nas aulas do colexio León XIII de ensinar alemán aos vilagarciáns que, co paso dos anos e pola vinculación da cidade coa Escuadra Inglesa, aínda hoxe son recoñecidos como os “ingleses”.
O seu traballo na capital arousá fixo que, xunto co seu amigo e compañeiro Iglesia Alvariño, se instalase a vivir nunha pensión da localidade durante case unha década. O vilagarcián Germán Torres, moi coñecedor da obra e vida de Díaz Castro, manifesta que “el deu clases de alemán no León XIII porque aínda hai alumnos del que seguen vivos, moi maiores. Tampouco se descarta que ofrecese materias como filosofía ou literatura, todas elas de letras porque é no que estaba moi especializado”.
Foi un posto de funcionario no Ministerio da Gobernación o que o levou dende Vilagarcía a Madrid. Alí exerceu de tradutor durante moitos anos xogando un papel importante nos contactos da administración central con países estranxeiros.
E é que no seu círculo máis próximo o seu papel máis recoñecido era, precisamente, como tradutor máis que coma poeta.
Vilagarcía recordou onte a obra e vida de Díaz Castro nunha pequena homenaxe que se celebrou nas inmediacións do Salón García.

O mestre de alemán dos “ingleses”

Te puede interesar