Modesto Pose | “O Senado non é un órgano inútil, pero si penso que precisa dunha reflexión sobre a súa funcionalidade”

Modesto Pose |  “O Senado non é un órgano inútil, pero si penso que precisa dunha reflexión sobre a súa funcionalidade”
diario de arousa-9999-99-99-999-501b6161

O seu nome asóciase ao do Partido Socialista dende hai décadas e é xa un dos veteráns da política arousá. Ocupou cargos orgánicos e tamén políticos a diferentes niveis e incluso chegou a ser candidato á Alcaldía da cidade que o adoptou, Vilagarcía. No último mandato ocupou un dos sillóns do Senado por designación autonómica e agora aspira a volver á Cámara Alta encabezando a candidatura socialista en Pontevedra.

A imaxe do Senado entre a cidadanía é máis ben a de que é unha institución pouco útil e son moitos os que pensan que debería desaparecer...
Eu penso que as eficacias ou as ineficacias son máis que nada dos gobernos, non das institucións. O Senado non é un órgano inútil, o que si penso é que necesita unha modificación e reflexionar sobre a súa funcionalidade. Eu sempre digo que é unha Cámara de segunda lectura de lexislación, para cousas que requiren máis sosego. Ademais é unha cámara territorial e por iso hai moito debate sobre ese asunto e sobre priorización de infraestruturas nas comunidades autónomas.

Leva de senador uns anos. Cambiou a súa perspectiva da Cámara dende dentro?
Non, eu teño a mesma perspectiva. Insisto en que eu creo que require dunha reforma e que esta debe ser de contidos. Eu penso que todo o debate territorial e de fiscalidade, así como de diferenzas e igualdades que se produzan no territorio debe estar no Senado. Ten que ter unhas competencias diferentes ás do Congreso. O que non pode ser é que o Senado sexa un órgano para bloquear ao goberno, como está pasando todos estes anos. Ten que ser unha cámara coas súas dinámicas e as súas competencias. Hai tantas cousas que facer de coordinación de prestación de servizos coas comunidades autónomas que o lugar para facelo é o Senado.

Está o PSOE disposto a facer eses cambios?
Eu creo que o PSOE é, de feito, o único partido disposto a acometer esa reforma. O PP, coa súa maioría no Senado, sempre estivo bloqueando calquera tipo de estudo nese sentido. Precisamente pedimos o voto para o PSOE no Senado para reformalo e facelo máis moderno. Ver se hai que redimensionalo, se reducilo ou se ten que existir ou desaparecer.

Fala de territorialidades. Cataluña parece que está monopolizando todo o debate destas eleccións...
O de que todo leva a Cataluña é mentira, pero si é certo que é un tema que está no debate político e que se retroalimenta. Eles enganan cando din que “los españoles nos roban” e tamén se engana cando se di que “los catalanes se lo llevan todo”. Mentira. Nin unha cousa nin a outra.

Hai solución a corto prazo?
Pois no PSOE estamos vivindo todo isto con moita preocupación. O que si temos claro é que isto non vai de a ver quen pega máis. Houbo un tempo en que o 16 % dos cataláns querían a independencia. Se hoxe están no 47 % imos traballar para que volvan estar no 16.

O que si parece é que co tema de Cataluña as demandas doutras zonas de España como poden ser as de Galicia e, polo tanto, as de Arousa, quedan un pouco diluídas. Hai cuestións que están aí dende hai tempo como o cuartel da garda civil...
O cuartel da garda civil é unha necesidade imperiosa que está aí dende hai tempo. No PSOE fomos os primeiros que falamos do proxecto, pasou toda a época de Rajoy e deixaramos planteado o problema, pero non se fixo. Espero que nesta lexislatura sexa unha realidade. Dende logo a primeira reunión que eu teña co ministro de Defensa vai ser con eses prantexamentos. Obviamente vou pedir polo noso, que é o daquí.

O outro día dicíase nun mitin que tanto con Modesto Pose como con Tomás Fole Arousa estivo desaparecida nesta lexislatura en Madrid...
Eu estes tres anos fun senador de Galicia, non da provincia de Pontevedra. E discrepo co que din, porque algunhas cousas si se fixeron no Senado. Por exemplo a priorización das infraestruturas para toda Galicia. O listado do que hai que facer en Galicia numerado e aprobado. Está aí. Por certo, co voto en contra de Podemos porque están en contra da autovía que une Vilagarcía con Pontevedra e O Porriño e que é necesaria para combater a saturación da AP-9.

Tamén hai quen di que votar polo PSOE non é votar por Galicia...
Iso son tonterías. Un pode estar alí todos os días falando de Galicia e non valer de nada, un papel testimonial simplemente... A acción política ten que ter certas referencias, pero tamén unha viabilidade. Eu teño que convencer ao meu grupo para que fagan unha aposta por Galicia e teño que facelo con argumentos. De qué vale ir alí e dicir “Galicia libre autodeterminación”? Moi ben, vótache Bildu, pero ten que haber unha planificación.

Falo máis ben de cousas concretas como poden ser a lexislación de Costas ou temas do mar...
Niso estamos totalmente dacordo, pero non sempre depende de nós. En Europa faise política pesqueira esteamos os galegos ou non. O que ten é que haber xente que saiba o que hai e o de que fala. Claro que non ten nada que ver Galicia con Andalucía en temas de mar, por exemplo, pero tamén che digo que coñezo xente moi centralista que sabe máis de temas de Galicia que outros que son todo o contrario.

Ten o PSOE liñas vermellas para os pactos?
O PSOE non ten liñas vermellas, o PSOE ten políticas. Movémonos nunha posición moderada e de facer as cousas con racionalidade. Non temos ningún problema para pactar. O normal é pactar coa esquerda, pero tampouco con tonterías como as que poden vir de Podemos e que nós sabemos que non levan a nada. Eu creo que hai que ir madurando cos tempos. É coma os nacionalistas, que é unha ideoloxía equivocada e os seus votantes deben saber que ese camiño non vai a ningún lado.

Que lei derogaría e cal aprobaría nada máis chegar ao goberno?
Derogaría a das tasas da administración da xustiza e aprobaría unha para que non salisen impunes as mentiras en política.

Modesto Pose | “O Senado non é un órgano inútil, pero si penso que precisa dunha reflexión sobre a súa funcionalidade”

Te puede interesar