Montse Fajardo | “Non podemos ser tibios no tema da violencia de xénero. Non é ir contra o home, senón contra o maltratador”

Montse Fajardo | “Non podemos ser tibios no tema da violencia de xénero. Non é ir contra o home, senón contra o maltratador”
Montse Fajardo presentará mañá o seu novo libro no Salón García | d.a.

“Invisibles” é, posiblemente, o libro que Montse Fajardo tiña dentro dende hai anos e que veu a luz hai pouco menos dun mes. As súas páxinas, nas que se conxuga á perfección a paixón polas historias e pola escritura, son unha ladaíña de relatos do maltrato, de mulleres que agocharon o seu horror entre catro paredes, doutras que deron o paso a denunciar e dalgunha que quedou no camiño ao terse cruzado cun verdugo con careta de “príncipe azul”.
“Invisibles” preséntase mañá ás 20.30 horas no Salón García, na compaña da autora, nun acto guiado por Montse García e coa música de “Gramola” como banda sonora.

Por que “Invisibles” e por que xusto neste momento?
“Invisibles” naceu un pouco por casualidade. Estaba nunha rede social falando do meu anterior libro “Un cesto de mazás” e unha amiga virtual púxome un comentario no que me dicía que por que non escribía algo do mundo do maltrato. O certo é que era un tema que sempre me preocupou, que me toca de preto. A raíz dese comentario non só saiu a idea de facer o libro, senón de facelo para a campaña en torno ao 25 N do Concello de Pontevedra. Coa axuda da edil de Igualdade, Carmen Fouces, e da psicóloga do CIM, pois aquí está. O libro tamén é parte delas.

A quen se lle atribúe o de “invisibles”, ás mulleres, ao maltrato, aos fillos...?
O título xurdiu case ao principio. Unha persoa á que quero moitísimo contoume dunha volta que tiña un pai difícil, que cando era pequena e el chegaba agochábase debaixo da mesa camilla para ser invisible. A invisibilidade do título engloba un pouco todo, pero o que si queriamos co libro é sinalar ao maltratador, poñer a atención en que eles son o foco do problema, non as vítimas.

As historias que conforman o libro pertencen a mulleres moi diferentes entre si e a casos moi dispares...
Nós queriamos contar o maltrato máis evidente, o da malleira, e tamén o máis difícil, o psicolóxico. Eu quería poñer en dúbida esas verdades absolutas que existen sobre o maltrato e que non podemos entender se non nos poñemos nos zapatos desas mulleres. Hai xente que se pregunta... ‘Se lle pegou unha vez, por que aguanta unha segunda?’. A culpa non é dela, a segunda bofetada tamén é culpa del. Algunhas mulleres denuncian e outras non o fan, pero todas teñen un porqué. Hai algunhas que non se divorcian porque temen deixar aos seus fillos co maltratador. Viven auténticos calvarios.

O libro é crítico tamén coas administracións e coa xustiza neste asunto...
Si, penso que era necesario. Non podemos mandar a mensaxe de que hai que denunciar e que logo cando o fagas todo sexan trabas. Eu solo digo que, pese a saber que é difícil o camiño, moi difícil, hai que denunciar.

Cambiou a túa perspectiva sobre o maltrato despois de ter rematado “Invisibles”?
Si. Eu xa viña dunha posición moi clara, pero vivín con todas elas un horror que nin me podía imaxinar. Para min o fogar é un refuxio e para moitas delas era un inferno. Antes estaba menos posicionada en algúns aspectos concretos e agora estou moito máis involucrada.
Mariluz Pose, Eva, Ana, Begoña... son algúns dos nomes das protagonistas. Cal foi a historia que máis che impactou?
Todas elas me impactaron. A de Marga Dopico, a rapaza á que o seu home asasinou ao seu fillo de 18 meses prendéndolle lume nunha furgoneta, devastoume. Metinme na cama e ese día non puiden facer nada. O horror que me contou era tremendo. A historia de Tina tamén me impactou moitísimo.
Cres que incomoda falar publicamente e abertamente do tema do maltrato?
Si, incomoda. Incomoda porque parece que o plantexas como “feminazis contra os homes”. Este non é un problema de muller contra home, senón de homes que maltratan ás mulleres. Non podemos ser tibios nesta problemática. Non é algo contra os homes, é algo contra os maltratadores. Eu son feminista e un home pode selo. De feito hainos.

Montse Fajardo | “Non podemos ser tibios no tema da violencia de xénero. Non é ir contra o home, senón contra o maltratador”

Te puede interesar