Música e poesía nas Letras Galegas de Vilagarcía

Música e poesía nas Letras Galegas de Vilagarcía
Sonia Outón e Uxía presentaron onte a programación | gonzalo salgado

Vilagarcía celebrará o Día das Letras Galegas por todo o alto cunha programación moi completa en torno á figura de Florencio Delgado Gurriarán, o homenaxeado deste ano. As actividades foron presentadas onte pola edila de Cultura, Sonia Outón, e implicarán tanto aos centros educativos como á cidadanía en xeral. Os actos xa arrancan o próximo martes 3 cunha charla na sala de conferencias do Auditorio a cargo de Ricardo Guarriarán que falará, como non, de Florencio Delgado. É ás 19:30 horas e con entrada de balde.


A seguinte parada na programación das Letras é o sábado 14 cunha sesión de teatro a partir das oito da tarde. Poñerase en escena a obra “Reino da extinción”, unha comedia que conta a historia de catro persoas de diferentes épocas da historia galega que poñen a proba a nosa idea do que significa ser galegos. O custe da entrada é de 5 euros.


O domingo 15 volve o folclore na rúa coa catorce edición do Festival Nós de Sobradelo. Será a partir das sete da tarde na explanada do Auditorio e no interior en caso de choiva.


Xa o luns 16, véspera do gran día, a Praza de Galicia converterase nun lugar de encontro para escolares de Vilagarcía que rendirán unha homenaxe á figura de Florencio Delgado Gurriarán. Será entre as once da mañá e a unha da tarde e invervén alumnado do IES Castro Alobre, do colexio do Piñeiriño, do San Francisco e da Lomba.


O día grande, o martes 17, a actividade centrarase case na súa totalidade en Carril como xa viña sendo tradición antes da pandemia. Ás once haberá pasarrúas e ás 12:30 será a ofrenda floral diante do busto de Rosalía de Castro. A continuación -nunha sesión vermú a modo de aperitivo- actuarán en acústico Uxía e Javier Ruibal. Son eles os protagonistas dun gran concerto ese mesmo día ás 19:30 no Auditorio. A propia artista explicaba onte que o espectáculo ponlle música a poemas de artistas moi vencellados con Vilagarcía como son Rosalía ou o propio Federico García Lorca. “El quedou prendado de Galicia cando a visitou e incluso escribiu seis poemas en galego, dos cales catro están na nosa actuación”, explicou. A entrada para o concerto é gratuíta.


Ao día seguinte –mércores 18– o Salón García acolle unha proxección dun filme galego do director da Illa, Marcos Nine. “A Virxe da Roca”, que narra o crime no que Aurora Rodríguez Carballeira matou a tiros á súa filla Hildegart, pode verse a partir das 21 horas cunha entrada xeral de 4 euros.


A maiores –e como vén sendo habitual–a biblioteca municipal acolle unha exposición dedicada a Florencio Delgado Gurriarán que reúne os exemplares da obra e anacos da vida do autor.

Música e poesía nas Letras Galegas de Vilagarcía

Te puede interesar