“Nesta obra a xente vai ver a un Touriñán moi distinto”

“Nesta obra a xente vai ver  a un Touriñán moi distinto”
Copia (2) de Diario de Arousa-2016-10-29-007-0c492228

Falar de Xosé Antonio Touriñán é falar de éxito de público e, sobre todo, de saber facer de todo enriba dun escenario e diante das cámaras. Coñecido tanto pola súa faceta no mundo do audiovisual como no dramático chega hoxe a Catoira coa obra “Monólogo do imbécil”, unha volta de rosca ao que Touriñán ten acostumado ao seu público.

Ten o “Monólogo do imbécil” o cuño Touriñán ou a xente vaise atopar con algo totalmente diferente?
A xente vai ver un Touriñán distinto. De feito espero que non vexan a Touriñán, senón que vexan a Santi, o protagonista. Este texto xa foi Premio Max no seu día e Santi é unha personaxe moi interesante, moi entrañable.  Na obra cóntase a súa vida dende que o espermatozoide do pai se cruza co da nai. Santi é imbécil no sentido malo, senón no sentido cariñoso.

Entón, non vai haber risas?
Si, si, é unha comedia. Pero a min gústame dicir que é unha comedia “riquiña”, aínda que tamén hai momentos para a gargallada.

Como se sinte Touriñán máis cómodo, diante das cámaras ou encima dun escenario facendo teatro?
A verdade é que me sinto cómodo en todos os sitios. Ben é certo que o contacto directo co público que che dá o teatro é outra cousa. A resposta é inmediata no momento, síntela dende a primeira á última fila. Dá a sensación de que a responsabilidade é moito maior.

Qué proxectos ten en mente?
Buff... hai moitas cousas por diante. Sigo en Land Rober todo o ano e espero que o próximo tamén. Ademais vou gravar unha serie con produción en Portugal e sigo en teatro con varios proxectos. A verdade é que levo unha temporada moi boa e gustaríame facer o dobre de tempo, que os días duraran o dobre. Gústame moito o meu traballo e non teño tempo para todo.

Nótase a recuperación do mundo da cultura tras a dura crise?
Eu teño a sorte de que non sentín a crise, senón todo o contrario. Alá donde vou os sitios sempre me sobrepasan. Que podendo verte na tele a xente pague unha entrada é algo incrible. Pode ser que o éxito que se ten na tele poida facer que se achegue máis xente ao teatro. Eu creo que estamos nun momento de recuperación de público e este ano hai proxectos moi bonitos. n

“Nesta obra a xente vai ver a un Touriñán moi distinto”

Te puede interesar