O folclore arousán rinde hoxe unha sentida homenaxe a Rosalía en Carril

O folclore arousán rendiralle hoxe unha sentida homenaxe á figura de Rosalía de Castro cun encontro de agrupacións tradicionais que terá lugar en Carril a partir das doce do mediodía. A xa denominada “Alborada para Rosalía” partirá do lugar no que se erixe o monumento pola escritora, xusto ao lado do local do Gato Negro, para seguir ata á casa onde pasou uns días a carón do mar.

Esta iniciativa está promovida por varios grupos de música tradicional e por gaiteiros de toda a comarca. No acto conmemórase o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra única coa que Rosalía abriu o proceso que se deu en chamar “Rexurdimento” da lingua e da cultura galegas.

Dende a organización animan a que todos os grupos tradicionais e gaiteiros de Vilagarcía e da comarca que o desexen acudan hoxe a Carril para dar unha alborada de gloria en honra da poeta padronesa.

Cabe recordar que, inicialmente, a asociación Pesdebarro tamén tiña prevista a organización dunha sentida alborada na Praza de Galicia polo mesmo motivo que se decidiu aprazar a última hora por mor da previsión meteorolóxica. É por iso que estes tamén participarán na ofrenda musical a Rosalía que teñen prevista os veciños carrilexos.

O folclore arousán rinde hoxe unha sentida homenaxe a Rosalía en Carril

Te puede interesar