miércoles 2/12/20

Opmega desembarca nos centros educativos cun proxecto para promover o relevo no sector

A organización de bateeiros chega a alumnado de dez concellos cunha potente campaña
O alumnado do IES Ramón Cabanillas participa no proxecto “Batéate” | cedida
O alumnado do IES Ramón Cabanillas participa no proxecto “Batéate” | cedida

Alumnado de cuarto da ESO e FP básica de dez centros educativos da comarca do Salnés forman parte do proxecto “Batéate” posto en marcha pola organización de produtores de mexillón, Opmega. A acción comezou a finais do pasado mes en diferentes institutos salinienses e busca, máis que nada, garantir o relevo xeracional no sector bateeiro, un dos máis potentes a nivel económico e social na Ría de Arousa. A través de “Batéate, encuentra tu espacio en el mundo” Opmega achega o oficio de bateeiro ao alumnado a través de traballos específicos con vídeos na rede ou un xogo de cartas para que se coñeza debidamente a xerga usada polo sector ao mesmo tempo que a diversión.

     Dentro do proxecto de “Batéate” inclúese un concurso para o alumnado participante con dúas categorías: unha de fotografía e outra de vídeo. Aí poderán presentarse obras que versen sobre o oficio de bateeiro. Cada centro acollerá unha obra gañadora e un accésit en cada categoría para que poidan ser representados na gran final na que todos os centros participantes competirán polo premio absoluto de cada categoría. No centro gañador sortearase unha viaxe en catamarán. A data límite de entrega fixada por Opmega é o 27 deste mes.

    A cara visible desta campaña tan apegada a Arousa é precisamente a dun arousán moi coñecido, Carlos Blanco. O humorista e actor protagoniza un vídeo para animar á participación no concurso e, de feito, será o presentador da gala final donde se visualizarán as obras propostas por cada centro e se anunciará o gañador en cada categoría. Unha gala que será en Vilagarcía o día 10 de decembro. O alumnado do IES Cotarelo, Monte da Vila, Francisco Asorey, IES de Meaño, IES de Sanxenxo, Ramón Cabanillas, As Bizocas, A Basella, o Castro Alobre e o IES Faro das Lúas son os que participan nesta campaña novidosa moi apegada á Ría de Arousa.

Comentarios