Pasado, presente e futuro unen as súas voces sobre o escenario do Vilaxoán Canta

Pasado, presente e futuro unen as súas voces sobre o escenario do Vilaxoán Canta
A praza Rafael Pazos volveu a vibrar co Vilaxoán Canta tras dous anos de pandemia e con Álvaro Cardalda ao fronte nunha edición renovada/Mónica Ferreirós

Se algo quedou claro este ano en Vilaxoán Canta é que ten futuro. Máis dunha vintena de nenos subiron ao escenario na última canción dun evento que abarrotou a praza Rafael Pazos e que tivo momentos de emoción máxima. Fixérono para interpretar o “Sómosche de Vilaxoán” e pechar a edición número 40 dunha cita que é patrimonio histórico desta pequena vila mariñeira. 


Ao seu lado Álvaro Cardalda –o novo director– e Salvador Cores “Manso” visiblemente emocionado e ao que convidaron a subir ao escenario no medio dun aplauso inmenso. A cita musical –que pecha as festas do Carme– arrancou puntual e despois da chegada da Banda de Música ao campo da festa. As voces estaban afinadas e o primeiro tema en soar foi “Como la nave sin rumbo”. 


Ademais dos membros da coral Máximo Patiño –colocados na primeira fila– centos de persoas empezaron a animarse a cantar temas como “O virapé” (por primera vez interpretado no Vilaxoán Canta) ou a “Foliada de Vilaxoán” adaptada por Bernardo del Río e na que se botou en falta a Cándido Meixide, que ía interpretar o tema con Cardalda e non puido asistir por motivos persoais. 


E é que este ano sobre o escenario houbo convidados do nivel de Baldomero Iglesias, fundador de “Fuxen os ventos”, que interpretou “O Carro” e animou aos presentes a conservar “esa identidade que nos dá a nosa lingua” e sentenciou con un “o corazón non desafina nunca”. 


Arrancaba así o tramo final da actuación e foi cando Álvaro Cardalda convidou a Salvador Cores –en primeira fila durante toda a actuación– a subir con el. Fíxoo visiblemente emocionado e sentenciando que “deixei o barco en boas mans” e dirixindo unha vez máis aos presentes cantando “Ai luz divina”, que saben todos aqueles que viven ou gozan desa pequena vila. O “Sómosche de Vilaxoán” puxo o punto final a unha cita que se despide para o ano e que aínda ten moitas crónicas que protagonizar.






Pasado, presente e futuro unen as súas voces sobre o escenario do Vilaxoán Canta

Te puede interesar