O pobo de Carril une as súas voces en homenaxe a Juan Vidal Lemiña

O pobo de Carril une as súas voces en homenaxe a Juan Vidal Lemiña
Diario de Arousa-2019-05-16-006-bcd85904

En Vilaxoán teñen o “Vilaxoán Canta”, pero en Carril as voces tamén se unen a cotío para ofrecer o mellor deste pobo mariñeiro. A esencia carrilexa é precisamente da que bebeu toda a súa vida Juan Vidal Lemiña. Nacido en Carril no ano 1932 seno da familia dos “Charlestóns” - “porque bailaban moi ben ese baile”- emigrou moi novo ao País Vasco  xunta o seu pai e os seus irmáns, motivado polas necesidades económicas do momento. Foi en terras vascas donde se formou e donde exerceu, entre outras cousas, daquilo polo que era lembrado, de dinamizador cultural e festeiro da época.

Na cabeza de Juan Vidal Lemiña sempre estaba a localidade na que nacera, Carril, daí que sexa el  e non outro o autor de moitas das composicións que ao longo destas últimas décadas se transmiten de modo oral de xeración a xeración. Vidal Lemiña chegou de Bilbao no ano 1976 e foi el o encargado de pór en marcha en Carril a coral “Alento Xoven”. Aquelas voces, que interpretaban temas que el compuxera no exilio como “Carril xeitoso” ou “Lonxe”, son agora as que aproveitan o día das Letras Galegas que se conmemora mañá para rendirlle unha  sentida homenaxe.

Unha actuación “coral”
O seu fillo, Pablo Vidal, foi o que, alentado polo gaiteiro e etnógrafo Carlos Rey, o que puxo en marcha o proxecto “Galicia fermosa”. A primeira parte dese proxecto poderá verse mañá a partir da unha da tarde na Praza da Liberdade dentro da programación que a Concellería de Cultura ten prevista para o día das Letras Galegas. Un total de 17 voces reúnense para interpretar unha serie de pezas que moi pronto serán presentadas en formato CD. Pablo Vidal incidiu en que “a nosa idea era reunir a aquel coro que el creou nos 70, pero a directora ten outro compromiso. Foi entonces cando reunimos a outras voces, algunhas delas daquela primeira coral, para que interpreten os temas de meu pai”. Non só as voces dos veciños de Carril se unen mañá para rendir homenaxe e recordo a Vidal Lemiña, senón que tamén o farán artistas coñecidos na vila como son Josito Porto, Uxía ou Gaspar González Somoza que non quixeron perder esta oportunidade.

Tal e como sinalaban os promotores desta iniciativa na presentación de onte a idea é, tamén, recuperar “un cachiño da nosa historia local” porque, se ben é certo que moitos dos temas de Lemiña están gravados no imaxinario colectivo, “había temor a que estas se perdesen e daí este proxecto de gravación dun CD e tamén dun libro que estamos preparando”. Pilar Garrido, que forma parte da coral que cantará mañá estes temas, apunta que “son moitas as cancións que falan daquí e moitas son de Lemiña. Eu sempre me lembro especialmente de tres: O Pegaso, Carril Fermoso e Lonxe. Son preciosas”.

O pobo de Carril une as súas voces en homenaxe a Juan Vidal Lemiña

Te puede interesar