“Queremos que o ‘Contrastes’ sexa unha vía de conexión entre a política e a cidadanía”

“Queremos que o ‘Contrastes’ sexa unha vía de conexión entre a política e a cidadanía”
Diario de Arousa-2019-02-21-008-0c564f26

O programa ‘Contrastes’ volveu onte á grella de Canal Rías Baixas. O formato chegou nesta nova tempada con varias novidades, entre elas, o seu presentador. Dani García, xornalista que cada noite conta as novas na televisión supracomarcal, encargase agora tamén de dirixir e moderar os faladoiros da cadea. O programa, que se vai emitir os mércores, estreouse a pasada noite.

Ademais do moderador, que novidades presenta o ‘Contrastes’ no seu regreso a Canal Rías Baixas?
Nesta nova andaina quixemos que o programa fose aínda máis plural. Ademais das habituais mesas redondas, o ‘Contrastes’ inclúe agora tamén entrevistas de actualidade aos protagonistas do panorama político e social da nosa contorna. Por exemplo, onte mesmo, no arranque da nova tempada, visitounos o alcalde de Ribadumia. 

A audiencia de Canal Rías Baixas tamén gaña protagonismo nesta tempada...
Os nosos espectadores son o mellor que temos, sen eles nada do que facemos tería sentido. Por iso queremos darlle á audiencia voz no noso espazo. Poden enviarnos as súas opinións, denuncias ou mesmo críticas. Ao longo de cada programa daremos lectura a todas esas mensaxes. 

Entón, como podemos facer para contactar co ‘Contrastes’?
Por primeira vez en Canal Rías Baixas puxemos en marcha un número de WhatsApp, o 659 52 55 55, ao que os espectadores poden mandar mensaxes de texto ou notas de voz. Tamén poden deixarnos os seus comentarios a través das redes sociais da cadea ou enviándonos un correo a contrastes@canalriasbaixas.com. 

As eleccións municipais terán un peso destacado dentro do ‘Contrastes’... 
Non hai mellor xeito de informarse do que pasa na nosa contorna que facelo a través dos medios locais, como o Diario ou Canal Rías Baixas. Nese compromiso cos contidos de proximidade, cremos que ofrecer unha cobertura ampla dos comicios municipais é o noso deber. Das xerais ou das europeas poderemos ver debates noutros medios. Nós imos poñer o foco nas propostas e nas candidaturas dos nosos concellos, porque é o que nos toca de preto e porque é o que afecta ao día a día dos nosos espectadores. Dito doutro xeito, queremos que o ‘Contrastes’ sexa unha vía de conexión entre a clase política e a cidadanía.

Para vostede, que supón poñerse á fronte do ‘Contrastes’?
É unha enorme responsabilidade, pero tamén un orgullo. Este ano Canal Rías Baixas celebra o seu 25 aniversario, dende o seu nacemento como Telesalnés. Creo que non vou ter mellor xeito de celebralo que aportando o meu grao de area para que este proxecto siga adiante. Ademais, teño a sorte de que detrás de min, do que sae na pantalla, hai un gran equipo de persoas que demostran día si e día tamén o seu talento. Esta televisión, como o ‘Contrastes’, é o resultado do esforzo conxunto de moitos profesionais. .

“Queremos que o ‘Contrastes’ sexa unha vía de conexión entre a política e a cidadanía”

Te puede interesar