sábado 18.01.2020

Ramón Plana | “Que algúns concellos xa estean a compostar o 50 % dos seus residuos mostra que o Plan Revitaliza funciona”

Doutor en bioloxía, experto en procesos de compostaxe

Ramón Plana é un gran coñecedor do proceso de compostaxe e de como este se aplica en diferentes países do mundo. O experto coñece moi de cerca o Plan Revitaliza e apunta a que xa se están vendo os primeiros resultados do mesmo.

Ramón Plana é biólogo e un experto nos procesos de compostaxe coma o Plan Revitaliza | cedida
Ramón Plana é biólogo e un experto nos procesos de compostaxe coma o Plan Revitaliza | cedida

Ramón Plana é doutor en Bioloxía e un experto en todo o que ten que ver coa compostaxe e co proceso de xestión de residuos. De feito os seus coñecementos e a súa formación serviron como guía para a posta en marcha do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Plana defende o programa de compostaxe da entidade provincial como “exemplo” de como se aplicou un modelo de reciclaxe ás necesidades e especificidades dun territorio determinado. O experto defende que para que a loita contra os residuos sexa efectiva “non se pode aplicar unha fórmula única, senón que hai que deseñar modelos axeitados segundo as características de cada zona”.

Vostede estivo na posta en marcha do Plan Revitaliza. Como valora a súa evolución dende que comezou a andar este programa?

A valoración que fago é moi positiva. Fundamentalmente porque foi un plan que se concebiu para dar solución á xestión dos residuos adaptándose a unha poboación concreta, que é a da provincia de Pontevedra. É unha poboación moi diseminada na que os residuos se xeran dun modo moi atomizado e disperso. A compostaxe permite mostrar que eses residuos poden converterse nun recurso aproveitable. Ademais o modelo do Plan Revitaliza contribúe ao incremento da concienciación cidadá. A xente ve cos seus propios ollos os residuos que se xeran en cada casa e toman conciencia do importante que é separar.
 
Estamos entón na boa senda de cara á compostaxe total dos residuos que se xeran?

Levamos máis de catro anos e é certo que aínda queda moito por facer, que quedan zonas por implementar e un recorrido por recorrer. Iso si, está claro que co Plan Revitaliza se está facendo ben porque se está a converter nun modelo referente a nivel mundial e que vén xente de diferentes lugares a ver como funciona. Non é unha solución máxica, pero é a idónea para as características deste territorio.

Pódese dicir entón que o Plan Revitaliza é un modelo a seguir...

Pois si. De feito non hai moito que viñeron dende China e comprobaron que alí, cunha poboación tamén moi diseminada, sería un modelo que encaixaría perfectamente. Dende logo o modelo de Pontevedra, para esta provincia, funciona moi ben.

Cre que hai diferenzas á hora de aplicar este modelo no rural e nos núcleos poboacionais máis urbanos?

Nisto inflúen moitos factores. A ventaxa no rural é que cando lles explicas o que fas e para qué serve compostar entenden que é algo que eles xa levan facendo moitos anos. Digamos que a compostaxe é como as “esterqueiras”, pero ben feitas. Cando se leva a idea da compostaxe ás cidades a cousa ten que ser máis exquisita. Iso si, o proxecto Revitaliza demostra que se o fas ben, a cousa funciona. Comunicarlles debidamente á xente en qué consiste e que o vexan como unha ventaxa é un paso importantísimo para que se conciencien e acepten apostar por esta xestión de residuos. Hai cidades como a de Nova Iorque na que a idea de poñer pequenas zonas de compostaxe dentro da gran urbe se está aplicando. O que si ten que haber é transparencia. A xente está acostumada a saír da casa, botar o lixo nun colector que se recolle todos os días e a partir daí esquecerse do proceso. É por iso que a cidadanía debe coñecer o proceso, implicarse e concienciarse de que se deben xerar menos residuos.

O ano 2020 está á volta da esquina e a Unión Europea esixirá que o 50 % dos residuos que xera cada país sexan reciclados ou reutilizados. Estase a tempo de cumprir os prazos? Hai unha boa concienciación neste reto na provincia?

Está claro que temos moitos deberes que facer, pero non só no referente ao ano 2020. Quedan moitas datas e moitos cumprimentos por diante. A nivel do Estado en canto a reciclaxe estamos en pouco máis do 30 %. En Galicia estamos nunha media dun 10 ou dun 11 %. No caso da provincia de Pontevedra, cando comezou o Plan Revitaliza, a porcentaxe era dun 9 % e agora hai concellos que están por encima do 30. Que queda moitísimo por facer? Está claro. Hai concellos que si van cumprir o 50 % que fixa a directiva europea. O problema é que no ano 2025 imos ter que reciclar o 55 % e no 2030 o 60 %... E así, progresivamente. O que vai facer o Plan Revitaliza é demostrar que se está facendo e que se está facendo ben porque hai concellos nos que funciona. É un reto, pero tamén unha oportunidade. Hai que ter en conta que no ano 2023 todos os municipios (máis grandes ou máis pequenos) teñen que ter implantado un modelo de xestión diferenciado da materia orgánica. Non ten que ser unha fórmula única, pero ten que existir.

Fálase moito de compost e aínda hai xente que non sabe moi ben cales son os seus beneficios...

O compost é un produto moi versátil. En primeiro lugar hai que ter en conta que cando compostas e reciclas estás aforrando emisións de gases de efecto invernadeiro e, ao mesmo tempo, fomentas un mellor investimento dos recursos da administración, dado que se vai a aforrar na recollida do lixo. A nivel medioambiental a realidade é que estás convertendo un produto altamente contaminante nun moi beneficioso para o solo. Hai que darse conta de que a fertilidade do solo depende da materia orgánica que ten. Co compost consigues melloras as condicións físicas da terra e, entre outras cousas, iso permite que esta absorba mellor a auga e non sexa necesario tanto rego. Todo isto implica aforros enerxéticos. A conservación do solo fértil é un dos grandes retos que temos en Galicia a día de hoxe, dado que aínda que pensamos que a fertilidade está aí sempre, o certo é que esta se vai perdendo coas erosións, cos incendios e con outros fenómenos. O compost é un material nada contaminante que lle vai devolver á terra esa riqueza.

Comentarios