Reportaxe | Os Campaneiros, unha vida de entrega á música

Reportaxe | Os Campaneiros, unha vida de entrega á música
diario de arousa-2018-10-01-016-2b6126de

Foi aló polos anos 20 cando José e Ramón Valiñas deron vida ao que, en poucos anos, se convertería nun dos grupos de música tradicional máis importantes de Arousa e, por extensión, tamén de Galicia. Os dous irmáns, coñecidos polo sobrenome familiar de “Os Campaneiros”, puxeron as bases dunha formación que se chamaría precisamente así ata o ano 1984 e que acadaría a súa plenitude nos anos 60 coa incorporación ás súas filas dos irmáns Celestino e José Carballa “Os Sabelos”, fillos de “Palla Mallada”, o gran coñecido gaiteiro do Salnés.
“Os Campaneiros”, referentes para todos aqueles que vén na música tradicional a súa afección ou o seu estilo de entender a cultura propia, tiñan un xeito de tocar moi particular e o seu legado patrimonial quedou refrendado en máis de 80 pezas, todas elas recompiladas.
A vida destes catro homes arousáns, cunha forte conciencia por preservar a riqueza da música galega e dos instrumentos tradicionais, é motivo dunha homenaxe que terá lugar este mesmo sábado en Vilagarcía.
A iniciativa parteu nada máis e nada menos que da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que, en colaboración co Concello de Vilagarcía, buscan preservar e difundir o legado dos “Campaneiros de Vilagarcía”.
Xornada de homenaxe
Os actos de homenaxe e recordo terán lugar durante toda a xornada do sábado e inclúen charlas, pasarrúas, concertos e a inauguración dunha exposición no Auditorio que poderá visitarse ata o día 31.
     As actividades comezarán de mañá, ás 11, coa inauguración da citada mostra conformada por fotos, vídeos, instrumentos orixinais e traxes. Busca máis que nada dar unha visión completa da traxectoria deste cuarteto que amenizou festas, romerías e encontros durante boa parte do século XX. Ás 11.45 Xaquín Xesteira ofrecerá un relatorio sobre o grupo e para rematar os actos da mañá haberá unha mesa de debate na que estará Xosé V. Ferreirós, Carlos Rei, Ramón Vázquez “O Chilro” e Paulo Nogueira.
     Pola tarde, a partir das 17 horas, será a quenda da música. Haberá pasarrúas polas prazas de Vilagarcía cos grupos Os Terribles de Arousa, Faíscas de Solobeira, Ansuiña, Os mecos de OGrobe, Xirifeiros e Malveiras, que serán os que protagonizarán o concerto posterior, ás 19 horas, no Salón García. Será aí donde se poderán escoitar en vivo 12 temas que serán grvados a posteriori para conformar un traballo discográfico.
     Con esta homenaxe a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, que conta a día de hoxe con preto de 800 asociados, busca seguir traballando a prol da música tradicional promovendo a ercuperación do patrimonio cultural galego. A Asociación naceu aló polo ano 1988 cunha primeira xunta xestora. Instauráronse a posteriori voceiros en diferentes vilas e cidades galegas. É a única asociación de música galega con implantación en toda Galicia. l

Reportaxe | Os Campaneiros, unha vida de entrega á música

Te puede interesar