sábado 5/12/20

Reportaxe | O Castro Alobre impulsa o uso da lingua e anima a “beber galego”

Só un 1 % dos alumnos que cursan estudos no IES Castro Alobre de Vilagarcía usan o galego como lingua de seu. Eses son os datos que manexan dende o equipo de Normalización Lingüística do centro que, dende hai anos, traballa activamente en iniciativas encamiñadas a normalizar o uso do galego

Os alumnos que elaboraron os debuxos dos pousavasos xunto á edil, Sonia Outón, e mestres do equipo de Normalización Lingüística | gonzalo salgado
Os alumnos que elaboraron os debuxos dos pousavasos xunto á edil, Sonia Outón, e mestres do equipo de Normalización Lingüística | gonzalo salgado

Só un 1 % dos alumnos que cursan estudos no IES Castro Alobre de Vilagarcía usan o galego como lingua de seu. Eses son os datos que manexan dende o equipo de Normalización Lingüística do centro que, dende hai anos, traballa activamente en iniciativas encamiñadas a normalizar o uso do galego en todos os ámbitos. Precisamente da colaboración deste departamento educativo co Concello de Vilagarcía naceu unha iniciativa que non só implica aos alumnos e profesores, senón tamén aos establecementos hostaleiros da capital arousá.


Durante os próximos días os rapaces do IES Castro Alobre repartirán entre os diferentes locais de comida, copas e demais pousavasos con imaxes elaboradas por eles mesmos e que animan a falar en galego.
 

Uns 6.000 pousavasos
O dinamizador do equipo de Normalización Lingüística do centro vilagarcián, Pepe Torres, sinalou que esta iniciativa naceu inicialmente dun concurso de carteis no que os rapaces tiñan que animar ao uso da lingua galega. A idea inicial foi evolucionando e acabou con eses carteis plasmados en dez pousavasos diferentes que moi pronto se poderán ver nos establecementos da cidade. “Un dos obxectivos que temos no centro é o de colaborar con entidades fóra do instituto. A nosa idea é trasladar as cousas que facemos tamén á realidade, á sociedade, e esta pareceunos unha oportunidade magnífica”, explica Pepe Torres.


Con imaxes de Vilagarcía
A proposta que se lles fixo aos alumnos por parte do equipo de Normalización Lingüística tivo unha gran acollida. De feito, e segundo o propio centro, foron arredor de 200 os rapaces que quixeron pór o seu esforzo para esta campaña da lingua. De todas as imaxes que se realizaron o equipo de Normalización elixiu dez, que son as que figurarán nos pousavasos que se repartirán en breve polos locais hostaleiros. En todos os pousavasos figuran escenas, lugares, edificios e momentos vencellados directamente coa vida e sociedade de Vilagarcía.


Todos os debuxos están acompañados de lemas moi elaborados nos que se anima a falar galego. “Mil ventás, mil oportunidades” acompaña á casa dos duques de Medina de las Torres, indo para Vilaxoán; “A lingua dos teus está nas túas mans” á escultura das mans que recibe a todos aqueles que chegan a Vilagarcía; “As vías do galego levarante lonxe”, figuran ao lado dun debuxo da Estación do Ferrocarril; “En Vilagarcía está o mellor da nosa ría” , destaca o traballo das mariscadoras en Carril e a multitudinaria Festa da Auga ou elementos moi identificativos como a Porta de Luz Salgada ou o Consistorio tamén aparecen reflexados nestes pousavasos.


O director do centro, Carlos Diz, lembrou que o IES Castro Alobre xa colaborou co departamento de Normalización Lingüística do Concello noutras ocasións. “Foi hai un par de anos e naquela ocasión repartíronse salvamanteis. A verdade é que é unha iniciativa moi bonita”, apuntou o director. Foi el o que sinalou que “o uso do galego está vivindo un retroceso moi grande en Vilagarcía e campañas deste tipo contribúen a evitalo”.


Os pousavasos poderán conseguirse nos establecementos hostaleiros en breve e os clientes poden levalos para a casa a modo de recordo.

Comentarios