martes 24/11/20

Reportaxe | Os celtas invaden Santa Rita

A inauguración da Feira Celta nas inmediacións do parque da Xunqueira marcou onte o inicio das Festas de Santa Rita 2018. Así pois as actividades, a música e os actos relixiosos prolónganse ata o martes, festivo en Vilagarcía.

A Feira Celta foi inaugurada onte no parque da Xunqueira | gonzalo salgado
A Feira Celta foi inaugurada onte no parque da Xunqueira | gonzalo salgado

Non hai escusa para o aburrimento estes días en Vilagarcía. As festas de Santa Rita arrancaron onte pola tarde por todo o alto, coa inauguración dunha Feira Celta no parque da Xunqueira que chega cargada de actividades e propostas para todos os gustos e públicos. O alcalde da localidade, Alberto Varela, e a edil de Cultura, Sonia Outón, foron os encargados de dar o toque de arranque a un evento que se prolonga ata o vindeiro martes, festivo na capital arousá.
No marco da Feira Celta poden verse produtos de ata medio cento de artesáns diferentes cun ambiente dado pola música e pola indumentaria dos organizadores. É máis, aqueles que o desexen e queiran participar no sorteo de diversos regalos, poden acoder disfrazados ao parque da Xunqueira e seralles entregado un tíquet de participación.
Vodas e “photocall”
Unha das novidades da Feira Celta deste ano é a posibilidade de poder celebrar unha voda coa ambientación propia desa época. Para iso só é preciso enviar un privado ao Facebook da organización e anotarse. As celebracións serán hoxe ás oito da tarde e mañá a partir das dez da noite. 
A maiores, e tamén de forma gratuíta, os asistentes á Feira Celta teñen a opción de facer unha fotografía no "photocall" temático que hai preparado nun dos enclaves do mercado. Haberá "atrezzo" variado tanto para maiores como para pequenos.
Ao longo de toda a fin de semana apostarase por actividades variadas, a maioría delas pensadas para os máis pequenos da casa. Así pois o "fauno" visitará o parque da Xunqueira, así como haberá espectáculo de deuses e soldados e tamén malabares varios.
A Feira Celta é a primeira das actividades das festas de Santa Rita que figura nun programa no que haberá actuacións musicais, verbenas e actividade diaria na rúa.

Comentarios