Reportaxe | As mulleres reivindican a primeira liña no segundo Festivala

Reportaxe | As mulleres reivindican  a primeira liña no segundo Festivala
O Festivala foi presentado onte na parte superior da Praza de Abastos | gonzalo salgado

“As da banda”, a formación bandística nacida do seo da Banda de Música de Vilagarcía e conformada exclusivamente por mulleres foi a encargada de pór a banda sonora á presentación da segunda edición do Festivala. A cita festivaleira, programada para o vindeiro sábado día 9, repite por segundo ano consecutivo “coa mesma ilusión que o primeiro”. Así o ratificou a presidenta do colectivo feminista O Soño de Lilith, organizador desta proposta pensada por e para as mulleres. 
Festivala, de feito, é moito máis que un festival de música. É un espazo que busca facer protagonistas ás mulleres naqueles ámbitos nos que sempre estiveron, pero nos que foron borradas pola historia. Así pois o Festivala terá unha feira con postos de artesás de toda Galicia, sesións de contacontos a cargo de Marta Ortiz. Tamén haberá presentacións de libros e obradoiros de regueifas feministas a cargo de Esther das Luras e Sara Marchena.
Apoio institucional
Á presentación do Festivala acudiron representantes do goberno local de Vilagarcía e tamén a presidenta da Deputación, Carmela Silva. Foi ela a que sinalou que “as mulleres temos sido grandes creadoras en diferentes ámbitos pero a historia silenciounos e non estamos dispostas a que iso siga así”. De feito fixo referencia explícita á banda feminina incidindo en que “antes as bandas solo estaban conformadas por homes e agora é unha ledicia ver que as mulleres tamén poden”.
Así pois a presidenta provincial incidiu na importancia que ten Festivala “para visibilizar ás mulleres en todos os campos de acción”. Refrendou que “aquí hai moito talento feminino que hai que sacar da negra sombra á luz”.
O Festivala celebrarase na xornada do sábado durante todo o día. Os obradoiros centralizaranse na Praza de Abastos e os espectáculos musicais serán na Peixería. Haberá propostas de todos os estilos, modernas e vangardistas e un espazo pensado para mulleres de todas as idades. O primeiro ano o Festivala celebrouse en Fexdega, pero este ano a organización apostou por diversificar os espazos e aproveitar os que existen tanto no renovado Mercado como na Peixería. l
 

Reportaxe | As mulleres reivindican a primeira liña no segundo Festivala

Te puede interesar