Reportaxe | A pintura bidimensional de Guillermo Pedrosa enche Rivas Briones

Reportaxe | A pintura bidimensional de Guillermo Pedrosa enche Rivas Briones
O artista Guillermo Pedrosa e a concelleira Sonia Outón ante unha obra do vilagarcián en Rivas Briones | gonzalo salgado

Hai algo menos dunha década que o vilagarcián Guillermo Pedrosa xirou a súa traxectoria artística cara á concepción bidimensional da pintura creando pezas ao óleo que se achegan á arquitectura e á escultura. Máis dunha treintena de estas creacións pódense contemplar dende onte e ata o 13 de xuño na Sala Rivas Briones de Vilagarcía baixo o título de “Entelequias”.

Comenta o propio creador: “Non busco comunicar nada sentimental, busco a estética, a miña estética, e a miña visión é pausada e xeométrica, é unha percepción da realidade a través, das matemáticas”. Fuxe da obra ao servizo do público, que busca “máis a sorpresa que a arte”, consumir un produto que Pedrosa nunca deixa de ver como resultado dunha disciplina intelectual que precisa dun esforzo mental, físico e sentimental, amoroso incluso, e que, sobre todo, precisa dun “esforzo” para seguir e seguir profundizando nela. Non obstante, engade, “desenrolala monotonamente pode ser un suplicio” e “de aí que esteamos dispostos a camiñar polo borde do precipicio e sentir a incertidume do que está por definir sen poder prevelo de antemán. Por iso precisamente non deixamos de perseguir entelequias, para non considerarnos xa extintos”. Así as cousas non é de estrañar que o resultado asemelle un “trampantojo” artístico; un artificio onde madeira, arames, parafusos, literalmente retorcen, avultan, tensan.... A tela do lenzo para ofrecer creacións más escultóricas que pictóricas, que saltan dun marco, por outra parte, inexistente. Ademais o emprego de brancos, negros e tonos oxidados impregnando incluso a parte traseira, esa que non se amosa ao público, axudan nese obxectivo bidimensional, creando as luces e sombras propias de pezas que recordan a vellos artefactos de factoría, ao diseño industrial.

O artista vilagarcián iniciouse no volume hai entre oito e dez anos e, aínda que nas súas primeiras incursións quedaban “pousos” da pintura, na que se iniciou, en “Entelequias” prescinde da cor e exhibe un traballo previo de bosquexos, pensamentos... Tan complexo e rápido consumidor de reloxos que ten reducido a súa produción artística drasticamente: “Antes creaba entre 60 e 80 obras ao ano e agora se chego á dúcia, doume cun canto nos dentes”, explica. De feito, a mostra de Rivas Briones leva artellándose dende hai polo menos tres anos, cando a Concellería de Cultura de Sonia Outón lle pediu expoñer nesta sala, a súa casa ao fin e o cabo, porque “queriamos que os grandes artistas plásticos vilagarciáns como el ou Uxío, que estivo hai pouco, estén presentes todos os anos na programación”, explicou a edil.

“O peor que lle pode pasar”
En definitiva, hai pezas de entre 2012 e 2018 porque Pedrosa quería volver ao seu fogar cun traballo novo porque, como dixo onte, “o peor que lle pode pasar a unha obra é que deixe indiferente”.
 

Reportaxe | A pintura bidimensional de Guillermo Pedrosa enche Rivas Briones

Te puede interesar