Reportaxe | Os primeiros pasos indo da man da lingua galega

Reportaxe | Os primeiros pasos indo da man da lingua galega
Sonia Outón presentou onte o programa Apego | g. salgado

No marco dunha cidade fortemente castelanizada e na que, nos patios dos colexios, escasean máis ca nunca os nenos que usan o galego como lingua habitual, Vilagarcía convértese no primeiro concello do Salnés en sumarse ao coñecido como Plan Apego. A iniciativa, aprobada en Pleno no ano 2016 a raíz dunha moción do BNG, ten como obxectivo motivar ás familias a que utilicen o galego na crianza dos seus pequenos, dende que nacen.
A edila de Normalización Lingüística, Sonia Outón, foi a encargada onte de explicar as características da iniciativa. “Está pensada para familias con nenos de entre 0 a 6 anos, que terán unha atención personalizada por parte do técnico de Normalización Lingüística”, incidiu. A benvida ao programa agasállase cunha caixa que recopila material en galego e que non é máis que o primeiro paso a unha serie de actividades encamiñadas a que o neno teña o galego como lingua de seu. “Busca potenciar o galego pola vía do afecto, do apego, non polo da imposición”, explicou Outón. Engadiu neste sentido que “está probado que se un neno se socializa en galego é máis sinxelo que logo siga usando esa lingua”.
O fomento deste Plan empezará dende xa coa colocación de cartelería nos centros educativos, nas bibliotecas e tamén nas salas da matrona no Ambulatorio de San Roque e en Pediatría no Hospital. Naqueles lugares susceptibles de que exista un público obxectivo para ser destinatario do citado programa.
Sonia Outón sinalou que son un total de 30 os concellos de toda Galicia adheridos a este plan e que no caso de Vilagarcía o convenio se asinou en marzo do 2017. “Ao ser un programa mancomunado o proceso prolongouse máis”, incidiu. O custo para o Concello é de 6.500 euros.
Os que queiran participar no Plan Apego poden dirixirse ao servizo de Normalización Lingüística no Auditorio os martes e xoves de 10 a 13 horas ou a través do correo apego.vilagarcia@gmail.com. A presentación coincide xusto coa celebración do Día da Lingua Materna.

Reportaxe | Os primeiros pasos indo da man da lingua galega

Te puede interesar