Reportaxe | Teatro, música da terra e libros no ano grande de María Victoria

Reportaxe | Teatro, música da terra e libros no ano grande de María Victoria
diario de arousa-2018-04-26-008-fe20bb4b-p

Vilagarcía ten xa preparado un amplo programa de actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio. A programación inclúe teatro, música e moita literatura en torno á figura de María Victoria Moreno, á que este ano se lle recoñece a súa paixón pola lingua pese a ser cacereña de nacemento.
Así pois as actividades arrancan mañá ás nove da noite no Salón García coa representación a cargo de Matrioska Teatro da obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, como á propia María Victoria lle gustaba definirse.
O sábado 5 de maio, nese mesmo espazo e a partir das sete da tarde, terá lugar a representación de “Mar Adiante” con Odaiko e Fantoches Bai, a primeira obra de María Victoria Moreno na que conta en primeira persoa a historia dunha mestra que pon escola nun barco.
A cita ca literatura en galego segue o 14 de maio da man de María Solar que protagonizará conversas arredor do seu libro “Os nenos da variola”, no Auditorio entre as 10.30 e as 12 horas, e que está dirixida a nenos e nenas dos centros educativos de Vilagarcía.
O martes día 15 o Auditorio tamén acollerá o gran concerto das Letras Galegas do Conservatorio Profesional de Música, a partir das sete da tarde.

No marco desta mesma programación o mércores 16 o Cineclube Ádega proxectará no Salón García o documental “A palabra xusta”. O luns 28, no Auditorio e en horario de mañá, Ubú Teatro representará a obra “Leonardo e os fontaneiros” unha das máis recoñecidas de María Victoria Moreno e tamén pensada para os escolares.
A maiores, dende o 14 ao 31 de maio a biblioteca acollerá unha exposición sobre a obra desta autora.
O día grande, en Carril
A celebración das Letras Galegas trasládase a Carril o día propio, o 17. Xa ás once da mañá o pasarrúas será a cargo de Malveiras. Ás doce terá lugar a actuación da Escola de Baile e Pandeireta na Praza da Liberdade e a continuación será a quenda da Rondalla do Gato Negro. A actuación estrela é a de Davide Salvado con Pedro Pascual, que actuarán na sesión vermú carrilexa cun repertorio “moi galego e moi mariñeiro”, en palabras do propio artista.
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, incidiu en que as actividades están moi pensadas para as novas xeracións, nas que se está notando unha baixada importante da utilización do galego como lingua. “E iso, hai que cambialo”, sentenciou.

Reportaxe | Teatro, música da terra e libros no ano grande de María Victoria

Te puede interesar