Reportaxe | A Vilagarcía literaria da man das follas do “Xardineiro dos ingleses”

Reportaxe | A Vilagarcía literaria da man das follas 
do “Xardineiro dos ingleses”
A visita guiada tivo como mestre de cerimonias ao propio Marcos Calveiro | gonzalo salgado

Hai moitas formas de coñecer Vilagarcía e unha das menos comúns é facelo a través das páxinas dunha boa novela. Iso foi exactamente o que fixeron os alumnos de distintos centros educativos da capital arousá que tiveron a oportunidade de celebrar o Día do Libro dunha forma moi especial. O escritor local Marcos Calveiro foi o que exerceu de mestre de cerimonias nunha visita guiada que tivo como protagonistas as localizacións presentes na súa novela, “O xardineiro dos ingleses”.
Así pois, e dunha forma moi peculiar, os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer non só aos personaxes fiticios que voan polas páxinas da novela, senón tamén unha parte importante da Vilagarcía de principios do século pasado, ata o ano 1936.
A novela de Calveiro discurre en dúas etapas temporais: o pasado e o presente, e persoalízase moito nunha personaxe que é a encargada de coidar o cemiterio dos ingleses, ubicado na parroquia de Rubiáns. O misterio, a historia e un sinfín de microtramas son o gancho dunha novela pensada tanto para adultos como para rapaces.
No marco do Lectoriño
A visita guiada e literaria dirixida por Marcos Calveiro foi promovida no marco das actividades que se celebraron en Vilagarcía con motivo do Día do Libro. Todas elas enmarcáronse por segundo ano nunha nova edición do Lectoriño que reuniu na sala de conferencias do Auditorio a ducias de nenos encandilados coa literatura. Aparte este ano a edición do Lectoriño tivo un forte e marcado carácter histórico, dado que os rapaces puideron coñecer a historia dos xacementos máis importantes da vila”.

Reportaxe | A Vilagarcía literaria da man das follas do “Xardineiro dos ingleses”

Te puede interesar