Reportaxe | Xabier Alcalá : “O libro presenta a cara B da emigración, aquela negra coma a lúa”

Reportaxe | Xabier Alcalá : “O libro presenta a cara B da emigración, aquela negra coma a lúa”
Diario de Arousa-2019-01-18-008-5d4ba7b8

“The making of” é, en palabras do propio escritor Xabier Alcalá, “unha novela negra coma a noite”, pero que non chega agora ás librerías motivada pola forza coa que este xénero está irrompendo na literatura galega. O escritor conta que a novela naceu xa no ano 1994 cando chegou ás súas mans a posibilidade de investigar sobre a vida de Alfredo Mosquera, un home que parteu da súa aldea nas terras de Ferrol rumbo a Arxentina e que desapareceu na Patagonia dez anos despois, aló polo 1933.

“A novela mestura realidade e fición. Moito do que aparece é historia real e tamén froito da documentación que fun analizando ao longo destes anos”, sinala o escritor. É máis, a personaxe de Alfredo Mosquera non é, digamos, a que pode corresponder “á imaxe de galego emigrante, traballador e pobre que cruza o Atlántico para gañarse o pan. Para nada”. En “The making of” Alcalá fai o repaso pola vida dun Alfredo que é “un caco, un proxeneta e un delincuente que pasa pola cadea e que, ao final de feito, acaba sendo asasinado”.
O escritor, para facer aclaracións sobre o título da novela que será presentada hoxe no Salón García de Vilagarcía, deixa claro que “a miña intención non é para nada dicirlle a ninguén como hai que facer unha novela, senón que explico como foi o proceso de creación desta a partir desta personaxe e mesturando investigación con partes ficionadas”.
Alcalá apunta que a novela “é presentada agora despois de sete redaccións” e que moitas das cuestións que se contan nela, como a vida na cidade de comodoro Rivadavia nos anos 30 e 40 son unha boa radiografía do que diferentes clases podían ter vivido naquel entón. “

O que quixo facer Alcalá en “The making of” é crear o que é unha “novela de personaxe”.
El mesmo sinala que, cando abandona a súa aldea, Alfredo Mosquera é un bo alumno e cando abandona a súa aldea é un “coitadiño”, pero pronto “aprende as malas artes”.
A novela fai, ademais, moitas referencias a acontecementos históricos dos anos 30 e 40, daí que tamén sexa definida como “novela reportaxe” ou “reportaxe novelada”. Entre os acontecementos históricos que poden seguirse entre as súas liñas están as peripecias dos nazis na Patagonia, onde había un potente núcleo de apoio ao III Reich; a relación entre os galegos e os nazis durante a Segunda Guerra Mundial ou a situación política na Arxentina co ascenso progresivo de Perón, cuxa nai e irmá viven en Comodoro Ribadavia.
Xabier Alcalá repasa en máis de 400 páxinas capítulos reais e ficionados da vida de Alfredo Mosquera e narra con ganas aqueles episodios que moitos non coñecen da historia.

Reportaxe | Xabier Alcalá : “O libro presenta a cara B da emigración, aquela negra coma a lúa”

Te puede interesar