A República vista a través dos ollos de Calros Solla

A República vista a través dos ollos de Calros Solla
Calros Solla coa obra que se presenta hoxe cedida

Froito de moitos anos de investigación e de análise da prensa do momento naceu o traballo asinado por Calros Solla que hoxe presentará no Salón García a partir das nove da noite. “Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo”, pode considerarse todo un tratado histórico dunha época vital para o desenvolvemento do asociacionismo nunha vila do rural galego. O autor explica que o libro ten moito de investigación e hemeroteca e tamén de testimonios aportados que lle serviron para “encamiñar, reencamiñar e corroborar aquilo que aparecera na prensa”.

Pese a que a obra de Calros Solla centra a súa atención na época da República, nas páxinas de “Así aprenderán a non ter ideas”, afóndase tamén na situación social que se respiraba en Cerdedo no momento no que se instaurou este modelo de goberno no Estado central. “Quixen retrotaerme a comezos de século para, tanto coa prensa como cos informantes, chegar explicar por qué chegou a República a Cerdedo da man dos partidos de esquerdas”, explica o autor.

De feito a obra está plagada non só de datas, senón tamén de nomes propios que figuran na prensa, nos libros e tamén na memoria de moitos dos habitantes desta localidade pontevedresa. “Cerdedo mostrou nesa época que estaba en prol do cambio e do progreso e en contra da impunidade e da corrupción”. A narración de Solla chega ata a sublevación fascista tocando os primeiros asasinatos en agosto do 36 en Cerdedo, así como os primeiros axustizamentos. Fala dos “20 de Cerdedo” e de toda unha serie de episodios represivos que pechan unha obra cun gran contido histórico e, tamén, social.

A República vista a través dos ollos de Calros Solla

Te puede interesar