Revenidas cifra en 1,4 millóns e en 700 postos de traballo o impacto económico do festival vilaxoanés

Revenidas cifra en 1,4 millóns e en 700 postos de traballo o impacto económico do festival vilaxoanés
A organización agotou as sardiñas ás brasas | gonzalo salgado

Un total de 1,4 millóns de euros e a creación de 700 postos de traballo. Ese é o impacto económico que, a organización de Revenidas 2017, considera que tivo o festival das linguas na presente edición. O esforzo previo e dos tres días de eventos deixouse notar moito na gran afluencia de público a todas as actividades organizadas dende o venres ao domingo. De feito os promotores sinalan que o Revenidas 2017 foi un dos anos máis exitosos en canto a asistencia de público se refire. O cartel dos concertos e a excelente meteoroloxía acompañou tanto nas propostas diurnas como nas nocturnas.
Así pois, e segundo os datos aportados pola propia organización, a afluencia de público traduciuse nunhas 4.500 persoas que acudiron na xornada do venres a Vilaxoán para ver a La Pegatina, Terbutalina, Esne Beltza ou Noite Fechada entre otros. A xornada do sábado contou con 4.000 persoas ávidas de gozar ao máximo cos cabezas de cartel Skindred ou Riot Propaganda e Dakidarría. O domingo despediron o festival Revenidas arredor de 3.000 persoas con propostas musicais tales como Sara Hebe, Zapa, Voodoo ou De Vacas.

Aposta polo popular
A perfecta comunión entre a tradición e a modernidade volveuse deixar ver no parque de Dona Concha cun novo éxito da sardiñada popular que logrou repartir máis de 1.000 kilos de sardiñas, quedando practicamente esgotadas ao mediodía. De feito esta cita gastronómica pensada para un público máis familiar acadou un éxito sen precedentes chegando a reunir a máis de 7.000 asistentes segundo os datos aportados pola propia organización.
Dende Revenidas sinalan que a zona de acampada prevista se encheu en apenas unhas horas e houbo que haiblitar outra en tempo récord que se situou moi preto do Rial. De feito, tras constatar que se xuntaron máis de 1.100 tendas de campaña durante a fin de semana que durou o festival dende a organización están buscando outros modelos para mellorar a zona de cara a futuras edicións e poder así garantir a comodidade de todos os usuarios.
O que teñen claro dende Revenidas é que o modelo “de combinar actividades de balde para público familiar con concertos de pago segue triunfando nesta festa galega, que continúa tendo como base do seu éxito o crecemento de novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra”.
Do mesmo xeito Revenidas tamén se destaca como un festival comprometido coa zona e coa contorna na que se celebra e que traballa para ser cada vez un evento máis sustentable e responsable. De feito nesta edición fíxose unha importante aposta pola reciclaxe, separándose todo o vidro xerado no festival da man de Ecovidro e todos os residuos que se produciron ao longo dos tres días de festival.
A maiores, e xunto coa empresa Marexada, a organización tamén aproveitou para concienciar a través de diversas accións aos asistentes nos hábitos saudables dentro dos festivais.

Revenidas cifra en 1,4 millóns e en 700 postos de traballo o impacto económico do festival vilaxoanés

Te puede interesar