Rosa Quintana resalta o poder competitivo do mexillón galego cunha subida do prezo dun 15 %

Rosa Quintana resalta o poder competitivo do mexillón galego cunha subida do prezo dun 15 %
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou as xornadas de Opmega | mónica ferreirós

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou onte na clausura da xornada sobre innovación e valorización do mexillón de Galicia organizada por Opmega. Foi a responsable do executivo autonómico a que destacou a competitividade do sector nos últimos anos indicando que no 2018 se bateron as mellores cifras dende o ano 2009. Así pois, e tal e como indican dende o departamento autonómico, a produción do molusco aumentou un 24 % nestes anos e a súa facturación fíxoo un 45 %. Especial relevancia ten o incremento do prezo medio, que subiu a un 15 %.


Quintana destaca que o sector miticultor deu un salto cualitativo no ano 2009 ao ser atendida a reivindicación de dar seguridade xurídica ás concesións administrativas coa entrada en vigor da nova Lei de Pesca de Galicia. Isto, recordan dende Mar, supuxo reiniciar o cómputo dos períodos concesionais outorgando outros 30 anos ou incluso incrementando este período ata os 50 anos para maior tranquilidade dos propietarios.


Rosa Quintana destacou o “bo facer” do sector e incidiu na importancia do traballo conxunto coa Administración e cos distintos centros investigadores para seguir avanzando e mellorando os resultados da industria do mexillón, “algo para o que é de vital importancia a seguridade xurídica das concesións tanto mitilícolas como de toda a cadea mar-industria”.


A titular de Mar animou aos representantes do sector a optar á orde de axudas publicada o pasado día 22 no Diario Oficial de Galicia para proxectos que fomenten o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a competitividade no sector da acuicultura en colaboración con organismos científicos e universidades. Trátase da primeira vez que se saca esta orde no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Rosa Quintana resalta o poder competitivo do mexillón galego cunha subida do prezo dun 15 %

Te puede interesar