Ses | “As mulleres non temos que sentirnos culpables por empoderarnos”

Ses | “As mulleres non temos que sentirnos culpables por empoderarnos”
María Xosé Silvar “Ses” desembarca mañá no Auditorio de Vilagarcía | cedida

Vilagarcía xa se ten convertido dende hai anos en parada obrigada para os concertos de María Xosé Silvar “Ses” e nesta ocasión non vai ser diferente. A artista bergantiñá desembarca na capital arousá mañá ás 21 horas para presentar no Auditorio “Readmirando a condición”, unha revisión completa do seu primeiro traballo discográfico.

Volves aos orixes cunha reedición do teu primeiro disco “Admirando a condición”...
Quería aproveitar para reeditalo e facer que soasen os temas como eu quería e fabricalo xusto como eu pensaba. E aquí está.

Esta reedición chega seis anos despois. Cambiaron moitas cousas en Ses neste tempo?
Claro que si, pasou o tempo. Aprendín moito tanto a nivel persoal como a nivel técnico. Se cadra sei máis do oficio. Aprendín cousas que me gustan moito e outras que non me gustan nada. Iso si, o que aprendín foi a empoderarme e a non sentirme culpable por iso. Por qué as mulleres temos que sentirnos culpables por empoderarnos? Eu son dona do meu traballo ao igual que o é calquera home.

Cales son as claves para non sentirse culpable por empoderarse?
A primeira clave é entender que vas ser moi criticada e aprender a que iso che dea absolutamente igual. Aprender a botarte un pouco de vaselina e entender que empoderarse vai traer máis resultados no futuro. Telo que facer por ética, por moral e por conciencia, non por adaptarte, senón todo o contrario. De feito unha muller empoderada non encaixa no concepto actual de sociedade.

Nesta reedición de “Admirando a condición” están temas como “Non son fada”. Unha frase que moitas nenas levan en camisetas e que incluso cantan en concertos e que fala precisamente dese empoderamento. Que sintes cando ves imaxes coma esa?
Sinto orgullo tanto por esas nenas como por eses pais e nais que as levan aos concertos para inculcarlles esas ideas. E non falo só a nivel de xénero, senón tamén a nivel racial e socioeconómico. Digamos que estas son as cousas que “paghan os meus disghustos”.

O ano pasado encheches o parque da Xunqueira nunha actuación ao aire libre. Este apostas por un ambiente máis intimista no Auditorio. En cal te desenvolves mellor?
Gústanme os dous escenarios, pero é certo que a actitude é totalmente distinta nun e noutro. Tanto a túa como a do público. No Auditorio é un rollo máis intimista, mentres que nun festival ou nunha actuación ao aire libre tes que estar máis enérxica.

Estiveches actuando por fóra de Galicia en lugares como Bilbao ou Barcelona e Madrid. Cambia moito a actitude do público nesas zonas?
A verdade é que eu sempre me sinto moi ben tratada en todos os sitios. A reacción do público é moi similar, non hai moita diferencia. A diferencia é que se aquí veñen mil persoas, alá vanme a ver 400, pero a reacción é moi similar. En moitas entrevistas me preguntan pola cuestión lingüística, pero eu sempre respondo que ese é un problema que só existe aquí.

De feito tanto nas túas actuacións como nas charlas que das en universidades e institutos falas moito do “autoodio” sobre a lingua que existe en Galicia...
Fóra é moi difícil explicalo porque eles non teñen ese problema. Hai moi pouco estiven na universidade en Salamanca e intentaba explicarllo e flipaban. Literalmente non o entenden. Eu intento explicarlles que todo ten un orixe político. Para eles é algo que, por sorte, non teñen.

Nesta reedición hai un tema inédito, “Readmirando a condición”. De que fala?
É un tema que busca mostrar unha mirada irónica e paradoxal do contexto actual, dos roles sociais e dos políticos maioritarios que son tremendamente hipócritas e mediocres. Eu sigo admirando a condición dos libertarios e dos defensores de todo e sigo flipando conque moita xente siga sen mover un dedo como se todo estivese perfecto. Así de claro, flipo.

Segues a dicir que non eres cantante, senón cantareira?
Cantante non son. Nin canto suficientemente ben como para ser cantante nin só me limito a iso. Non o son, con todo o meu respecto. Ata niso é un modo de reducir á muller. Eles son autores, elas cantantes. No meu grupo mando eu a todos os niveis, non só canto. Cando o guitarrista quere levar unha camiseta pregúntame a min se a pode levar. O da linguaxe parece unha minucia, pero é importante.

Ses | “As mulleres non temos que sentirnos culpables por empoderarnos”

Te puede interesar