Telmo Martín | “Sanxenxo é un paraíso turístico. Non vou permitir desmáns na movida e pecharemos locais se fai falla”

Telmo Martín | “Sanxenxo é un paraíso turístico. Non vou permitir desmáns na movida e pecharemos locais se fai falla”
Diario de Arousa-2018-06-10-012-e50a704a

Pasan algúns minutos das dez da mañá, cando Telmo Martín (1958) chega apresurado á Alcaldía de Sanxenxo, disposto a facer balance do seu primeiro ano ao frente do goberno. A súa mañá comeza cedo e cunha axenda ben completa. Recoñece que tras estes primeiros doces meses está satisfeito co ritmo imprimido á xestión municipal. “Noto á xente traballar contenta e estanse a facer moitas cousas que os veciños verán proximamente”, asegura.

Pasou un ano dende que accedeu a Alcaldía. Conseguiu xa ansiada velocidade de cruceiro na xestión municipal ? 
Estamos nestes momentos traballando en moitos proxectos e creo que a velocidade é nestes momentos máis que de cruceiro. Estamos inmersos nestes momentos en proxectos do pacto de  goberno como A Carabuxeira, polígono, Pazo de Quintáns, Casa Cultural de Vilalonga, colexio de Vilalonga... Estou contento co que está a ocurrir internamente no Concello e os veciños poderán comprobalo proximamente, cando o fagamos realidade. Intentar facer en media lexislatura o que podería levar máis dunha é para estar satisfeito.

Como valora este primer no ao fronte dun goberno compartido con Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL)? 
Somos un grupo de compañeiros que estamos traballando para conseguir o mellor para Sanxenxo e cando nos reunimos, non estamos a pensar de que partido é cada un. Sinceramente, neste primeiro ano non percibín que cada un tirase para un lado. Hai tensións porque cada un quere que se fagan os seu proxectos primeiro, pero iso creo que é ata bo. Eu creo que o problema vén cando poden máis as ideoloxías que o que necesita o pobo. Hai moitas formas de facer algo, pero hai que elexir unha  e punto.
Estamos a piques de comenzar o a tempada de verán, cales son as previsións para este ano? 
Agardamos con moita ilusión a chegada do verán e a ver se nos axuda o tempo. Hai tres máximas que temos que cumprir e para as que non vai a haber ningún problema que son a seguridade, a limpeza e que as praias conten con  todos os servizos e estean en perfecto estado. Creo que na limpeza, respecto ao ano pasado, aínda temos marxe de maniobra, e respecto á seguridade, confiamos plenamente nos grandes profesionais que son os policías locais e en volver a pasar un verán con nota.

En canto á movida nocturna, cales son as medidas previstas para este verán? 
Sanxenxo é un paraíso e cun entorno único para disfrutar das vacacións. Non vou a permitir, sobre todo na zona do porto deportivo, os desmáns. Hai tres condicións fundamentais que vamos a controlar e que nas que nos vamos a poñer moi estrictos: No aforo, no horario e nos altavoces de música fóra dos locais. Vamos estar moi atentos e os locais que cumpran non van ter problemas, pero os que se pasen un milímetro teñen que saber que non me vai tremer a man se teño que precintalo. Non vamos a perxudicar aos que funcionan ben a conta dos que se desmadran. O porto deportivo hai que recuperalo e preocúpame de forma especial as celebracións escandalosas das despedidas de solteiro.

Falemos de proxectos do pacto de goberno. A rexeneración de Carabuxeira ocupa o posto número. Será unha realidade antes do 30 de maio de 2019?
Vaise cumprir a rexeneración do areal en canto a area e os diques, pero nós quixemos mellorar o proxecto cun paseo. Trátase dunha obra de máis dun millón de euros que non vai ser posible concluila no que queda de lexislatura, pero por unha cuestión de tramitación e de prazos que non se poden acortar. De feito, estamos a traballar para que este mesmo verán os veciños poidan xa ver area nesa praia. Está prevista unha primeira aportación. 

A reordenación de Portonovo, outro dos proxectos do pacto,  queda posposta a un futuro mandato. Hai solución temporal para o Clube de Piragüismo e Amigos da Dorna que reclaman un espazo no entorno portuario? 
Antes de que acabe este mandato teremos unha folla de ruta do proxecto e presentarémoslla aos veciños e implicar a todas as administracións. De todas formas, haberá que buscarlle unha solucion temporal a Amigos da Dorna porque están a facer unha boa labor e terán que ter un espazo. En canto ao Clube de Piragüismo, é inconcebible que espere a remodelación da zona portuaria. Aínda que non estea no pacto de goberno o Clube de Piragüismo vai contar cunha sede temporal para catro ou cinco anos antes de que acabe este mandato. Non pode esperar nin un minuto máis.

Para  centro sociocultural de Vilalonga, a Deputación denegoulle unha axuda que o Concello recurriu. Como está este asunto? Hai plan B? 
Presentamos un recurso e estamos á espera, pero isto non vai impedir que sigamos cos nosos plans. Manexamos dúas alternativas. Estamos valorando a posibilidade de habilitar o hotel Ribago, onde está agora a Cultural, como centro social para todos os colectivos de Vilalonga.  Estamos en plena negociación. Non nos disgusta porque é o entorno moi bonito e a xente está moi a gusto alí. Vilalonga necesita moitos espazos e é preciso potenciala polo que mantemos tamén a outra alternativa que é rematar a estrutura que hai na zona do Revel. Hai que darlle unha volta a toda esa zona. Valoramos a posibilidade de pasar a oficina de Medio Ambiente para ese edificio, unha vez que se remate e darlle tamén un uso social a algunha das dependencias. Vilalonga vai ter unha solución nesta lexislatura.

Outra débeda pendente con Vilalonga é o colexio. Falaba hai uns días dun convenio con Educación, hai data?
Vaise firmar proximamente un convenio coa Consellería de Educación e a partir dese convenio pois empezaranse as obras. Os traballos teñen que iniciarse antes de que acabe esta lexislatura que é o compromiso que temos.

Poderá o Concello de Sanxenxo modificar o proxecto inicial do colexio? 
Claro que si. Hai que modificar o proxecto básico porque non nos convence. Xa falamos coa Consellería de que queremos ver o proxecto antes de que saia a licitación porque logo somos nós os que temos que ocuparnos do mantemento. Hai que respetar as ideas dos arquitectos, pero nós queremos participar e non vai a haber ningún problema. Ademais, queremos ubicar un pavillón alí compartido co colexio, pero respetando a beleza da zona e en consonancia co resto dos edificios. Tanto Vilalonga  como Portonovo son zonas a recuperar porque foron perdendo peso co paso dos anos e hai que volver a potencialas e revitalizalas. 

E que cre que hai que facer para revitalizar Vilalonga? 
Hai que repensar Vilalonga. Temos un espazo alí da Ría da Arousa que hai que recuperar, potenciar a zona de A Telleira, que mercamos na miña primeira etapa como alcalde de Sanxenxo, porque a xente ten que ir hacia alí. Vilalonga é un espazo moi bonito para vivir e con moitos máis servizos dos que contan outros concellos.

Un dos grandes proxectos desatascados neste primeiro ano de goberno foi o parque empresarial. Foi un reto difícil? 
Desgraciadamente, houbo moitas trabas. Non foi o máis difícil polo  esforzo, senon polas formas empregadas por algunhas persoas. Pensei que tiñamos remar todos na mesma dirección e sen poñer paus nas rodas, pero houbo xente que parecía que non lle interesaba que botase a andar o polígono. Iso foi o máis duro e o que máis me doeu. A algúns deles coñeciaos e ese comportamento entristeceume. Logo cando a asamblea me apoiou pois deume forzas. Temos un potencial aí moi importante e que non o queira ver está cego.Temos dous dos portos máis importantes ao lado, Marín e Vilagarcía e unhas comunicacións inmellorables. 

O saneamento parece nestes momentos o principal escollo, vai supoñer un problema para o funcionamento do polígono?
Hai algún membro da Corporación que parece que está desexando que me dea o batacazo, pero o saneamento non vai supoñer ningún problema. É certo que no seu momento non se fixeron as cousas ben e cometeuse un erro: Solicitar a Augas de Galicia  unha conexión cunha capacidade innnecesaria. Isto estanos levando a revisar todas as conexións porque á depuradora de Dena están indo augas pluviais que ao mellor non son só de Meaño e tamén hai de Sanxenxo. Nós comprometémonos con Augas de Galicia a solventar e cambiar as tuberías que fagan falta no noso municipio e Meaño terá que facer o mesmo coas súas. Estamos traballando niso. A depuradora fíxose en Dena, pero está pagada o 51 % con cartos dos terreos dos veciños de Sanxenxo. De todas formas, xa me gustaría que unha vez que se recepcione o polígono enchérase de empresas de forma inmediata. Sería para facerme un monumento (risas)

Nestes últimos meses, recibiu a chamada dalgunha empresa interesada en asentarse no parque empresarial de Nantes? 
Non quero dar nomes, pero claro que hai moitas empresas interesadas. Onte mesmo recibín tres chamadas distintas para preguntarme se para o verán estaría xa listo. Eu insístolle que non vaian para outro lado porque como moito en outubro estará xa listo. Nestes momentos, licenzas para construir unha nave si que as podemos dar o que non podemos é dar licenzas de actividade. O erro foi permitir asentarse empresas sen desatascar o problema. Iso xerou mala imaxe.

Outra decisión importante neste primeiro ano foi a suspensión dos solos urbanizables. Está a piques de rematar xa o prazo.
Remata o 2 de outubro e está o equipo redactor con iso. Retrasounos dous ou tres meses unha impugnación ao concurso por parte do colexio de arquitectos. Vamos moi ao límite, pero esperamos aprobalos inicialmente antes de que venza o prazo. Do que se trata é de reordenar os espazos urbanísticos porque a realidade urbanística e económica nestes momentos é outra.

Quince anos despois, a expropiación da familia Rocafort segue a ser un problema para Sanxenxo e ameaza con ser unha das sentenzas urbanísticas con maior custe para as arcas municipais. Cales son os plans do Concello? 
No seu momento, fixéronse as cousas mal dende esta casa. Nós temos unha reserva para o pago, pero cremos que aínda non é firme e por iso recurrimos ao Supremo e para os nosos servizos xurídicos e técnicos aínda non hai nada decidido.

Da a sensación de que o Concello está dilatando os prazos para facer fronte ao pago de 3, 1 millóns de euros, xa firmes. 
O que estamos a facer é defender ao máximo os intereses dos veciños de Sanxenxo porque por ese espazo non se tiñaque pagar nada. Onde están as zonas verdes que se tiñan que ceder para facer todas esas vivendas que se hai aí? Lamentablemente collín isto tarde, pero estou convencido de que se o collera a tempo non se tiña que pagar nada.

A falta dunha ordenanza de terrazas, provoca cada verán conflitos polos espazos. Ten prevista algunha medida?
Vamos a falar con eles, pero son xente razoable e non vamos a ter nigún problema. Hai que respetar os espazos públicos e pese a que non hai unha ordenanza, están dispostos a colaborar. Estamos nunha zona que se presta para tomar algo ao aire libre, nunha terraza e vamos velar para que se  respeten os dereitos de todos.

Queda menos dun ano para as vindeiras eleccións, vese con gañas de volver a presentarse?
A nivel persoal claro que si, pero iso terao que decidir a dirección do partido. As cousas en política cambian dun día para outro, pero creo que hai proxectos sobre a mesa que precisan dunha continuidade e, pola experiencia da outra vez, non convén que queden parados. A min non me interesa ser alcalde por estar no sillón, pero non me gustaría que cando me retire da política me quede algún proxecto pola metade.Ata despois do Nadal non pensaremos nas eleccións de 2019.

Ve posible unha fusión con Sanxenxo Agrupación Liberal antes dos comicios?
Non me plantexo iso agora. Non tiven ningunha reunión nin conversa nin con Gonzalo nin co novo presidente de SAL nunca. Gonzalo demostroume ser una persoa noble, leal que se sacrificou polo ben de Sanxenxo.

Telmo Martín | “Sanxenxo é un paraíso turístico. Non vou permitir desmáns na movida e pecharemos locais se fai falla”

Te puede interesar