Tres embarcacións de Arousa, primeiras no censo de botes tradicionais

Tres embarcacións de Arousa, primeiras no censo de botes tradicionais
A Funqueira ten o seu amarre habitual en Vilagarcía | cedida

Tres embarcacións tradicionais con porto habitual na Ría de Arousa son as primeiras de Galicia en entrar a formar parte do Censo de Patrimonio Cultural, un rexistro oficial que busca salvagardar as técnicas construtivas da carpintería de Ribeira con amparo á declaración BIC do ano 2019. En total son nove botes os que pasan a inaugurar este listado patrimonial e deles tres son da Ría de Arousa. O primeiro é a Funqueira, unha dorna polbeira con sede en Vilagarcía e 4,50 metros de eslora e que pasou os pertinentes informes para ser considerada de seu embarcación tradicional. Tamén na capital arousá foi recoñecida a dorna cordeleira Curuxán, con 4,45 metros de eslora e 1,50 de manga. Neste caso a solicitude para ser considerada embarcación tradicional parteu do propietario en decembro de 2021. Foi catro meses despois cando un mestre carpinteiro de ribeira emitiu o seu informe avalando o carácter tradicional da dorna.

Ao listado inicial de nomes do Censo de Patrimonio Cultural tamén se suma unha embarcación da marxe norte da Ría de Arousa, concretamente de Ribeira. Trátase do bote das Rías Altas –como así se denomina a súa tipoloxía de construción– Reina, de catro metros de eslora e 1,60 de manga. O seu titular solicitou a inclusión no rexistro en marzo de 2021 e o informe do mestre carpinteiro de ribeira chegou ese mesmo mes.

O Diario Oficial de Galicia publicaba onte o listado de 9 embarcacións –as primeiras en entrar no censo– e no que figuran outros botes como o Canouro, Nordesía, Balbina, Lelia Doura e Xoulón.

Dende a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades explican que nos vindeiros días se irán publicando as resolucións dos restantes barcos: Semparada, Falucheira, Fanequeira, A Marosa, A Oleira, Anguleiro, Madorniña, O Peixiño, Silvia Cristina, Mar de Muros, A Barola, Cromoráns de ONS, o Chasula do Grove, Sara O e Casilda Un. O órgano encargado de avaliar cada unha das solicitudes está constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e da Federación Galega de Confradías e expertos independentes. 

Tres embarcacións de Arousa, primeiras no censo de botes tradicionais

Te puede interesar