Verónica Hermida: “Non somos unha formación tutelada dende Madrid. Temos un proxecto por e para Galicia”

Verónica Hermida: “Non somos unha formación tutelada dende Madrid. Temos un proxecto por e para Galicia”
_MG_5641_19425899

Verónica Hermida é de Vilagarcía e leva a todos os ámbitos a loita por “un mundo máis igualitario”. A súa militancia política empezou en Podemos (agora Unidas Podemos) e, de feito, forma parte da súa dirección en Galicia tras as primarias celebradas na formación hai uns meses. Agora, coa idea de “mudar as cousas”, é o número 4 da confluencia de En Común-Unidas Podemos para o Congreso (na que conflúen EU e a formación liderada por Pablo Iglesias) para as vindeiras eleccións do 28 de abril.

Por que En Común-Unidas Podemos é a mellor alternativa de voto nas eleccións do 28 de abril?

Fronte á concepción que se poida ter a priori o noso proxecto é un proxecto que se fai dende Galicia e para Galicia aínda que esteamos falando dunhas eleccións a nivel estatal. Este é o mesmo concepto que se deu nesta última lexislatura e nós seguimos coa idea de darlle continuidade. Queremos construír entre todas unha alternativa de estado que poña a Galicia, ao noso país, no centro das políticas do Congreso.
 
Fala de continuidade dun proxecto que estes catro anos levou o cuño de En Marea. Un proxecto que non serviu para que se volvese revalidar agora esa coalición... Cre que o electorado vai entender esas diferenzas? 

Nós sempre traballamos por construír o espazo máis amplo posible coa idea de que todas nos sentiramos cómodas. Esta vez non puido ser. Agora a nosa tarefa é explicar que o noso proxecto é unha continuidade do que se fixo no Congreso. Confiamos en que a xente entenda que o traballo que se fixo estes anos ten a súa continuidade en En Común-Unidas Podemos. Hai que lembrar que a Xunta Electoral admitiu que realmente o espazo da coalición de En Marea de hai catro anos era da formación que nós representamos. 

A realidade é que o electorado vai ter que elixir novamente entre unha esquerda dividida...

Nós sempre apostamos por facer espazos amplos, pero ás veces non é posible. Por iso hai que seguir traballando para que aqueles consensos que non se puideron acadar antes das eleccións se poidan acadar despois. Nós sabemos perfectamente cales son as nosas adversarias e dende logo non son os que estiveron con nós hai catro anos, senón os partidos que fan discursos de política social á baixa.

Hai quen di que estes catro anos Galicia estivo desaparecida na axenda de Madrid.

A verdade é que eu non estou nada dacordo con esa idea. Evidentemente cadaún conta o relato como lle interesa, pero eu penso que esta lexislatura Galicia estivo moi presente grazas ás parlamentarias do grupo confederal. Eu non vin que as políticas galegas do PSOE ou do PP levasen unha axenda galega do cambio como a nosa. Ademais tivemos a oportunidade de protagonizar os grandes debates sociais coma o do salario mínimo ou da subida do IPC nas pensións e niso Galicia sae beneficiada.

Fala de que é un proxecto de Galicia e para Galicia. Cales son as liñas do mesmo que o evidencian?

Primeiro a defensa dos nosos sectores produtivos porque en Madrid non están moi presentes. Despois estamos coa cuestión social, que é importante. Estamos na terceira comunidade cos salarios máis baixos e a segunda coas pensións máis baixas despois de Extremadura. Despois hai que ter  en conta que temos unha situación demográfica complexa. Hai necesidade de que a mocidade retorne, que teña oportunidades. Non queremos unha Galicia baleira.

Escóitase moito iso de que é un proxecto tutelado dende Madrid, dende as cúpulas de EU e de Unidas Podemos.

É un proxecto que, evidentemente, supera o ámbito galego pero eu penso que iso sempre é positivo. Nós sempre apostamos polas alianzas e no canto de ver como un obstáculo o ser un partido de ámbito estatal vémolo como oportunidade. Non estamos nin nos sentimos para nada tutelados.

É obrigado preguntar polos proxectos para a comarca porque vai ser a voz de Arousa en En Común-Unidas Podemos, a transmisora...

Hai varias cuestións pendentes que temos en axenda como o cuartel da Guardia Civil, o paseo marítimo que aínda non se rematou, a cuestión da nosa Ría... Temos que facer a nosa Ría sustentable e combater aos inimigos como pode ser a Mina de Touro. Intentar buscar o equilibrio entre a produción e a supervivencia do noso ecosistema.

Cal é ao seu xuízo a lei que debería ser inmediatamente derogada polo novo goberno e cal aprobada canto antes unha vez que se constitúan as novas Cortes Xerais?

A derogada, sen dúbida, a Reforma Laboral. Non podemos vivir nunha sociedade na que o traballo esté unido á precariedade e á inestabilidade. A aprobada a Lei da Eutanasia. Hai consenso na sociedade que pide unha lei de morte digna e Unidas Podemos presentouna e os partidos que agora están a favor votaron en contra da nosa proposta.

Verónica Hermida: “Non somos unha formación tutelada dende Madrid. Temos un proxecto por e para Galicia”

Te puede interesar