Vilagarcía bota a vista aos tempos nos que publicar en galego era todo un risco

Vilagarcía bota a vista aos tempos nos que publicar 
en galego era todo un risco
Sonia Outón con Patricia Arias, coordinadora das xornadas, e Xosé Manuel Dasilva, un dos poñentes | gonzalo salgado

“Son profesora de historia e en todos os libros de texto aparece Vilagarcía e Cómaros Verdes como primeiro libro relevante da posguerra”. Patricia Arias sintetiza nunha frase a importancia que a obra de Aquilino Iglesias Alvariño tivo na literatura galega, pero tamén nunha historia que, neses intres, escribía unha das súas páxinas máis negras. Fronte a ese oscunrantismo, rebelouse non só o autor, senón tamén Severino González Lazán, propietario da imprenta Celta e unha figura aínda por descubrir.
Ambas vidas cruzáronse cando en 1947 publicouse a primeira obra en galego do franquismo, “Cómaros Verdes”. Cúmprense sete décadas e Vilagarcía, terra que veu nacer o fito, réndelle homenaxe. Será en forma dunhas xornadas que coordina a propia Arias, e que conta coa colaboración do Concello e da Xunta, e coa implicación das tres universidades galegas.
O profesor vilagarcián Xosé Manuel Dasilva, da Universidade de Vigo, explicou que a publicación de “Cómaros Verdes” é “o fito polo que somos coñecidos culturalmente”. Será un dos poñentes nun simposio que se levará a cabo mañá no Salón García, e no que tamén intervirán Henrique Monteagudo, Xesús Alonso Montero, Armando Requeixo e Luciano Rodríguez. Arias Chachero encargarase de abordar a figura de Iglesias Alvariño no contexto cultural local, e o seu papel como mestre en León XIII, onde substituiu a Crecente Vega e foi compañeiro de Díaz Castro. O seu camiño cruzouse co de Severino González Lazán, un castelán que exercía como garda en Lugo, e que tras ser represaliado afincouse en Vilagarcía. Aquí mercou as vellas máquinas de Galicia Nova e montou a Celta.
As xornadas comezarán ás 10:30 e haberá charlas pola mañá e pola tarde. A entrada é libre. A edil de Cultura, Sonia Outón, animou a asistir.

Vilagarcía bota a vista aos tempos nos que publicar en galego era todo un risco

Te puede interesar