O vilagarcián Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de Poesía “Concello de Carral”

O vilagarcián Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de Poesía “Concello de Carral”
Xurxo Alonso é un polifacético artista e escritor vilagarcián | d.a.

O polifacético escritor e artista Xurxo Alonso suma un novo premio á súa traxectoria. É que coa súa obra “En luz escrita” resultou gañador do concurso de poesía “Concello de Carral”. UN certame que o bonarense afincado en Vilagarcía xa gañara no ano 2004 co libro “Brevario de Aldemunde”

O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da concelleira de Cultura de Carral, Margarita Ramilo Lamela. O tribunal destacou da obra de Alonso “a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea”. Ademais, o xurado tamén salienta o léxico “celmoso” e o “perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa”. O premio “Concello de Carral” está dotado con 3.500 euros en metálico e coa publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega de premio terá lugar o 31 de maio na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación das Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, “As bicis”, de Xabier Cid. Como remate, a compañía de Teatro Atlántico presentará o espectáculo poético “De abrentes e ocasos”.

Traxectoria recoñecida
Xurxo Alonso é pintor ademais de poeta. Neste último eido ten obtido boa parte dos galardóns máis importantes de Galicia, como o Francisco Añón, o Xoán de Requeixo, o Avelina Valladares ou o Fermín Bouza Brey. Vive en Vilagarcía desde os oito anos.

O vilagarcián Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de Poesía “Concello de Carral”

Te puede interesar