Vilaxoán respira Revenidas en cada recuncho

Vilaxoán respira Revenidas en cada recuncho

Revenidas xa está aquí. Vilaxoán deu onte o pistoletazo de saída a unha nova edición do festival máis galego e máis solidario. Ao fío das cinco da tarde abríase o recinto portuario para os centos de persoas que elixiron de novo este enclave da Ría de Arousa para unha fin de semana cargada de música, circo, solidaridade e actividades aptas para todas as idades. E é que Revenidas é moito máis que un festival de música. Este ano a cita comulga con eventos culturais como o Ano Castelao e tamén pon o seu toque solidario apoiando na súa Gala Solidaria aos refuxiados.
     Pola mañá, ao fío do mediodía, empezaban a chegar os primeiros visitantes á zona de acampada gratuíta. Ás seis da tarde o lugar estaba practicamente cheo. E é que, tal e como anunciaron dende a organización, estase a bater récord de asistencia na edición deste ano. 
      Foi a música comprometida e irreverente dos Poetarras a encargada de estrear os dous escenarios ubicados na explanada portuaria. Racharon en aplausos e tamén en asistencia demostrando que en directo gañan, e moito. O ambiente xa estaba caldeado para o que aínda estaba por chegar. O máis esperado da noite, Gabriel O Pensador, levaba toda a tarde en Vilaxoán quentándose para un concerto único. 

hoxe máis
Revenidas non fixo máis que empezar. Hoxe terá lugar o día grande coa gran sardiñada popular no parque de Dona Concha a partir da unha e das oito da tarde. Todo iso condimentado coa Feira Revenida e coa música dos Terribles de Arousa. Ao fío das dúas da tarde terán lugar as propostas gastronómicas das Estrella Michelín, Inés Abril e Alberto  G. Prelcic. Pola tarde, ás 16 horas, Leo Arremecághona fará a delicia dos presentes e de seguido tamén haberá obradoiros e a actuación de Fanfarria Taquikardia. A Gala Solidaria cos Refuxiados comezará ás seis da tarde ao puro estilo circense.
Pola noite, e xa na zona de pago, será a quenda dos concertos coa música de O Sonoro Maxín, Fanfare Ciocarlia, Falperrys, Talco, Aspencat, La kimbala e DJ Pimp.

Vilaxoán respira Revenidas en cada recuncho

Te puede interesar