O xulgado envía a prisión a tres dos seis detidos na operación por heroína

O xulgado envía a prisión a tres dos seis detidos na operación por heroína
Diario de Arousa-2018-05-17-010-6a4d9023

Tres dos seis detidos ata onte na operación contra o narcotráfico aberta que se dirixe desde os xulgados de Cambados foron enviados a prisión tras prestar declaración ante a Xustiza. Durante a mañá de onte foron levados ao edificio xudial cambadés catro dos seis detidos, xa que os outros dous xa pasaran a declarar o día anterior. 
Así pois, o Xulgado de Instrucción e Primeira Instancia número 3 de Cambados, responsable na investigación, tomou declaración a catro persoas este mércores, decretando prisión provisional comunicada e sen posibilidade de fianza para dúas e sinalando para outras dúas liberdade, pero coa obriga de comparecer quincenalmente ante a Xustiza. 
No día anterior, un dos detidos fora enviado tamén a prisión sen fianza e outro posto en liberdade, con comparecencias mensuais. 
“Cantidade moi importante”
A causa continúa decretada segreda, polo que os datos oficiais trascendidos ata o momento foron poucos. Con todo, o coronel xefe da Comandancia de Pontevedra, Jorge González Veiga, sinalou onte que lle chamaba a atención que “esta droga tan prexudicial para o ser humano volva darse” nesta zona, sinalando, ademáis, que os sete quilos de heroína decomisados neste golpe policial son unha cantidade “moi importante”.
Primeira fase
Ademais, apuntou que a operación está aínda nunha primeira fase, polo que está dando “os primeiros froitos”, sendo probable que se produzan novas detencións. 
Ata agora detívose a seis persoas, dous galegos, dous portugueses, un cidadán de orixe turca e outro holandés. Segundo trascendeu, a droga puido ser detectada nun turismo que foi interceptado na peaxe de acceso á autopista en Barro hai uns días. 
Posteriormente, realizáronse operacións en varios puntos da provincia, entre eles Sanxenxo, onde un dos rexistros practicados o martes foi un dos que máis chamou a atención dos veciños.
Á operación é froito da colaboración de varios corpos de seguridade e unidades especializadas e nela participan axentes da Udyco da Policía Nacional, da EDOA da Garda Civil, do Servizo de Vixiancia Aduaneira e da Policía Xudicial Portuguesa.

O xulgado envía a prisión a tres dos seis detidos na operación por heroína

Te puede interesar