A Xunta impulsa a candidatura Cíes-Illas Atlánticas cunha iniciativa a prol do galego

A Xunta impulsa a candidatura Cíes-Illas Atlánticas cunha iniciativa a prol do galego
Arredor duns 60 rapaces e rapazas participan nas actividades da Illa de Ons, candidata xunto Cíes, Sálvora e Cortegada a Patrimonio Mundial da Unesco |

A illa de Ons foi onte o escenario elixido pola Xunta de Galicia para apoiar a candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto coa directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, visitaron a illa para participar, ademais, nunha actividade a  prol do uso do galego entre a rapazada.
     Trátase da sétima edición dos campamentos “O Galego Campa!”  polos que pasarán, durante as próximas semanas, arredor de 1.500 rapaces e rapazas. 
Román Rodríguez destacou que a través deste campamento os rapaces teñen a oportunidade de coñecer e gozar dun paraíso natural como é a Illa de Ons. Unha illa que xunto a Cíes, Sálvora e Cortegada forma parte do conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Así mesmo a rapazada ten tempo de tomar conciencia da súa riqueza e aprender a protexela para as xeracións futuras.
Dende a Consellería de Cultura recordaron que o pasado mes de febreiro a candidatura de Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas foi incluída na lista indicativa da Unesco como paso esencial para que sexa declarada Patrimonio Mundial. Neste senso o responsable do departamento autonómico lembrou o traballo “serio e rigoroso” levado a cabo pola Xunta de Galicia en colaboración con outras administracións para lograr este recoñecemento.
Diversión en galego
Ademais de incidir na candidatura das illas atlánticas para tan recoñecido distintivo, Román Rodríguez tamén salientou a importancia destes campamentos de verán como vehículos de fomento do emprego da lingua galega entre os máis novos. E, como non, tamén para mellorar a expresión en galego. As iniciativas incluídas en “O Galego Campa!” están configuradas de tal xeito que os rapaces e rapazas compaxinan iniciativas de carácter lúdico e formativo, facendo fincapé no ámbito da lingua e das habilidades sociais a través de ferramentas como a argumentación, o debate, o coñecemento da natureza e a importancia de preservación do medio ambiente. 
     Nesta sétima edición, ademais de o campamento das Ons, tamén están os do Albergue Xuvenil de As Sinas (en Vilanova); de Pontemaril (en Forcarei); de Espiñeira (en Boiro); do Albergue Xuvenil Mariña Española (Sada); do Albergue Benigno Quiroga (Portomarín); de A Devesa (Ribadeo); de Gandarío (Bergondo); de Furelos (Melide); de Os Chacotes (Palas de Rei); dos Penedos de Xacinto (Entrimo); da Estación de Montaña Manzaneda; do complexo O Corgo (Muíños) e do albergue de Vilarella (A Mezquita).
     Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, lembrou que a campaña de verán supón un “recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel, un referente en todo o Estado, ademais dunha excelente plataforma para promover o uso da nosa lingua entre os mozos e mozas galegos”.
     Nesta liña Vázquez lembrou que o goberno galego ofertou para o actual período estival un total de 9.870 prazas, 298 máis que na anterior edición, cun custo de 3,2 millóns de euros o que supón, segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia, un 8 % máis respecto ao orzamento destinado a tal finalidade na pasada anualidade.
      Do mesmo xeito, e con respecto ao campamento da illa de Ons, a directora xeral explicou que 60 rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos participan dende o pasado día 21 na terceira quenda desta actividade que oferta entre a mocidade un amplo abano de propostas ao aire libre tales como bicicleta, tiro con arco, astronomía, sendeirismo guiado, orientación con gps e xeocaptura. Así como kaiak, snorkel, aulas de natureza, diverciencia, actividades de praia ou videoclips.  l

A Xunta impulsa a candidatura Cíes-Illas Atlánticas cunha iniciativa a prol do galego

Te puede interesar