viernes 22/1/21

A Xunta leva a Culturgal as experiencias da Cidade da Cultura e do CDG fronte á Covid

A directora do Gaiás, Ana Isabel Vázquez, presentou a programaciónde outono-inverno da entidade
Ana Isabel Vázquez explicou onte a programación de outono-inverno da Cidade da Cultura, no marco do Culturgal, no que tamén se falou das experiencias do Centro Dramático Galego fronte á Covid | M.S. Culturgal
Ana Isabel Vázquez explicou onte a programación de outono-inverno da Cidade da Cultura, no marco do Culturgal, no que tamén se falou das experiencias do Centro Dramático Galego fronte á Covid | M.S. Culturgal
A Xunta de Galicia, patrocinador principal da 13ª edición de Culturgal en Pontevedra, centrou as presentacións da última xornada da feira na programación das novidades da Cidade da Cultura para a tempada de outono-inverno e nas estratexias do Centro Dramático Galego (CDG) fronte á covid-19.

Os asistentes, presencialmente e online, poden coñecer polo miúdo as dúas grandes exposicións que o Museo Centro Gaiás acolle actualmente, Galicia de Nós a nós e As miradas de Isaac, ou Escenas do Cambio, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción que aumenta a presenza feminina nunha nova etapa con Lola Correa como directora. O Gaiás, que está a facer un interesante uso das novas tecnoloxías no eido dos museos, con experiencias pioneiras a nivel nacional, proponse novamente apostar por esta vía na súa programación de Nadal, combinando a actividade in situ e en liña para chegar así a máis público e cumprir as indicacións sanitarias fronte á covid, como expuxo a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Adaptada á situación sanitaria

Tamén mantén unha destacada actividade o Centro Dramático Galego, a compañía pública de teatro, que este domingo chega a Culturgal co seu novo director, Fran Núñez, e o director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil.

Ambos abordan os contidos da nova tempada, que asume modelos de produción inéditos para darlle prioridade ás contratacións de elencos e equipos artísticos. Igualmente, explican o proceso para artellar a planificación en función da evolución da pandemia, co fin de apoiar o tecido teatral galego e achegarlles liquidez económica ás compañías implicadas nas producións propias (O charco de Ulises, Terceiro acto e Serva me, servabo te), coproducións, residencias artísticas e a programación do Salón Teatro.

Jacobo Sutil, en representación da Consellería de Cultura, participa así mesmo no bloque de proxectos de Escena Galega, no que se dá a coñecer a nova web da asociación e o catálogo de compañías, así como o balance do circuíto Camiño Escena Norte, iniciativas que contan tamén con apoio da Xunta de Galicia.  Antes, na xornada de mañá, o Espazo Cine acolle a proxección da versión polícroma de Pontevedra, cuna de Colón, película realizada polo cineasta e investigador pioneiro Enrique Barreiro en 1927, que está considerado como o primeiro filme polícromo feito en España.

Dixitalizar o ‘Fondo Barreiro’

A fita, depositada no arquivo fílmico do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña, foi obxecto dun laborioso proceso de restauración por parte de Filmoteca Española, co que se conseguiu restituírlle a súa cor orixinal. A esta primeira exhibición en Pontevedra, cidade natal de Barreiro e na que se centra o tema da obra, asistiu o fillo do director, Enrique Barreiro Álvarez, xunto a outros membros da familia.
 

Na presentación previa, que incluíu unha explicación en vídeo de todo o procedemento de recuperación, Jacobo Sutil agradeceulle a Barreiro Álvarez a doazón nos anos 90 de todo o fondo de materiais á Xunta de Galicia e anunciou que, a través dun convenio que se asinará proximamente co Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura e Deporte, acometeranse as tarefas de curación e dixitalización de todo o Fondo Barreiro, o que abranguerá a intervención sobre 43 envases de nitrato con probas, fragmentos, descartes e películas de distintas épocas.
 


 

A presente edición da feira cultural foi clave ante a situación sanitaria que se está a vivir

A programación de onte tamén contemplou a actuación musical de Os d’Abaixo (20.00 horas) e os espectáculos Ópera Break’s, de Vella Escola (19.15 horas) e Karelu de Os Náufragos Teatro (13.00 horas), todas elas impulsadas ao abeiro do Fondo de Proxectos Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, destinado a apoiar os creadores galegos como parte do Plan de Reactivación cultural fronte aos efectos derivados da covid-19 na nosa Comunidade.

A decimoterceira edición de Culturgal, a gran feira das industrias culturais, rematou onte despois de que se presentaran máis de 70 propostas culturais nos ámbitos da música, escena, literatura, arte e ciencia que inclúen relatorios sobre a axenda cultural do Goberno galego para o vindeiro ano, a colaboración con Portugal, a estratexia dixital ou os proxectos do Fondo de Proxectos Xacobeo 2021, entre outros.

É, en opinión da Xunta, a edición máis necesaria ante a incerteza provocada pola covid, polo que trasladou aos organizadores a súa felicitación por manter a súa aposta con moita imaxinación e un gran esforzo.


 

Comentarios