Imprimir

Carta aberta da Comisión pola Recuperacion da Memoria Histórica do Barbanza

Redacción Diario de Arousa | 23 de Marzo de 2016

            Sr.Alcalde, existen para vostede as vítimas do franquismo?

 

            Onde están os fusilados, os paseados, encarcerados, as mulleres que foron peladas e obrigadas a tomar aceite de ricino en Palmeira?

            Ducias e ducias dos nosos veciños sufriron a represión. Eles, tamén os seus fillos , netos e viúvas son vítimas e tamén os veciños de Ribeira que foron reprimidos fóra da súa Cidade.

           Vostede Sr. Alcalde nunca os nomeou, vostede invisibilizaos e ocúltaos, amparándose en “non abrir feridas” cando calquera estudante de primeiro de psicoloxía sabe que precisamente para empatizar hai que mentar.

            Vostede non quere e nunca quixo cumprir a Lei da Memoria Histórica. Dixoo de maneira expresa e tamén nomeando unha Comisión para telo todo paralizado, boicoteado.. De feito deuse a calada por resposta cando a Asociación da  Memoria Histórica lle entregou un dossier coa simboloxía franquista. Unicamente cando se presentou a demanda ante o Xulgado Contencioso, (pois vostede tiña arrinconada a Comisión) retirou a placa da Avenida del General Franco por medo a perder o proceso.

            Mais tarde, logo de argumentos peregrinos, como ten por costume,  mandou retirar a placa do Paseo de José Antonio Primo de Rivera.

            A hemeroteca non minte, pero si aínda quedase dúbida da súa postura perante da Lei da Memoria Histórica, esta quedou clara cando o seu grupo se negou a retirar o nome de plaza e honores de José Mª Otero Goyanes. Non ten desperdicio o seu argumentario na sesión plenaria para defender que un conspirador de primeira liña seguise a contar co nome nunha praza pública en Ribeira. Por certo a praza chámase Porta do Sol a pesares de que o seu grupo e vostede votaron en contra.

            O Alcalde Socialista ao que vostede alude na carta que envía a uns medios, conseguiu cambiar un número importante de rúas adicadas a xerarcas franquistas a pesares de que o grupo que vostede representa, daquela, coma sempre, votou tamén en contra.

            A concordia que vostede tantas veces alude, nos se debe precisamente a iniciativa do seu partido e vostede mesmo é quen se vén opoñendo  e ignorando ás vítimas. De aí que tiveramos que acudir á Xustiza.

            As vítimas as que vostede e o seu partido e outros, sempre esquecen e meten debaixo da alfombra, esixen xustiza e reparación. Neste caso reparación moral que é algo tan sinxelo, e vostede non acaba de comprendelo, que é que o espazo público nos represente a todos.

           En canto a Sentencia a que tamén vostede alude, tersiverxaa como fai habitualmente, xa que o fallo literalmente di ”...se estudie a proposta de manter ou retirar os cinco símbolos sobor dos cales ainda non se pronunciou o órgano plenario”

           Realmente o que nos gustaría e que vostede tivese a ben dar exemplo e ser o primeiro en cumprir a Lei, e non continuar invocando a concordia para que se leve a cabo sempre a súa vontade e a dos seus amigos.

 

Andrés Lijó Villa

Presidente da CRMHB

 

 

 

 

 

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/barbanza/carta-aberta-da-comision-pola-recuperacion-da-memoria-historica-do-barbanza/20160323125648140208.html


© 2019 Diario de Arousa