Imprimir

Crónica | O BNG busca o seu oco en Madrid

fátima frieiro-vilagarcía | 18 de abril de 2019

Lucía César Veloso, Ana Pontón, Carme da Silva e María José Cacabelos no mitin do BNG de onte en Vilagarcía | gonzalo salgado
Lucía César Veloso, Ana Pontón, Carme da Silva e María José Cacabelos no mitin do BNG de onte en Vilagarcía | gonzalo salgado

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu a Vilagarcía para participar no mitin central da campaña das eleccións do 28 de abril. Apuntou a que nun contexto “sen maiorías” o BNG “pode ser decisivo”.

Unha muiñeira dos “Campaneiros” de Vilagarcía interpretada polo grupo de gaitas “Malveiras” de Carril marcou o inicio do mitin central do BNG da campaña das eleccións do 28 de abril onte no Auditorio Municipal. Os nacionalistas de Arousa sumaron forzas para encher a sala de conferencias e recibir con aplausos e bandeiras ás catro mulleres que esgrimiron a viva voz e a pé de público os motivos polos que hai que “encher as urnas cos votos do BNG o día 28”. 


Foi a candidata á Alcaldía de Vilagarcía, Lucía César, a encargada de abrir a quenda de intervencións. Fíxoo facendo súa a letra dunha canción de Ses e incidindo en que “estou con tres mulleres que non queren ser nin fadas nin princesas, senón que queren ser deputadas e presidenta da Xunta de Galicia”. Todas as intervencións tiveron como nexo de unión a igualdade, o dereito “dos galegos a ter voz propia” e a seguir “na loita, porque sen loitar non imos conseguir nada”.


A voceira nacional, Ana Pontón, consciente de que hai catro anos o BNG non obtivo representación nas Cortes animou aos presentes a “non tirar a toalla” e a respostar “cun sorriso e con rebeldía a toda campaña de medo e de crispación”.


Pontón falou do conflito de Ence e das ameazas proferidas nos últimos días contra a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, tamén presente no mitin. "Intentan meternos medo para ver se recuamos, pero non temos medo. Cremos e traballamos para que Ence non estea na Ría", incidiu. Falou da Ría de Arousa, que definiu como "a máis produtiva do mundo" e lamentou que "sexa coñecida ultimamente por Fariña, que puxo de novo sobre a mesa as conexións do Partido Popular co narcotráfico".


Do mar falou a número 6 polo Congreso, a cambadesa María José Cacabelos que enunciou problemas como o do “coeficiente redutor, a desaparición da flota artesanal” ou “os cupos que se nos impoñen dende Europa e dende Madrid”. Engadeu que “Galicia ten que ter peso para negociar”.


A encargada de pechar o acto foi Carme da Silva, número 1 por Pontevedra. Foi ela a que reparteu máis críticas aos outros partidos políticos que se presentan aos próximos comicios. “Ana Pastor cabreada porque non se transferiu a AP-9 a Galicia. Esta señora lémbrase de que foi ministra de Fomento?”, inquiriu. Enarbolou a bandeira do feminismo para criticar á política conservadora que censurou abertamente a “política de cuotas”. A iso Da Silva respondeu “estou moi orgullosa de ser unha cuota porque estou donde ás mulleres nos corresponde”. Co ánimo de “espallar a mensaxe” nas rúas o acto rematou coa música das gaitas e, de novo, con todos os presentes en pé.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/vilagarcia/cronica-bng-busca-seu-oco-madrid/20190417234144239125.html


© 2019 Diario de Arousa