Imprimir

ESMAR-NON Á VIOLENCIA

ESMAR-NON Á VIOLENCIA |

Diario de Arousa | 18 de septiembre de 2019

ende ESMAR queremos en primeiro lugar amosar todo o noso apoio á familia das tres mulleres asasinadas na mañá de onte en Valga, en especial aos dous nenos, vítimas tamén inda que non sufriran dano físico, dun crime machista que agardamos teña as consecuencias legais que un feito así merece. 
Estamos conmocionadas e só podemos amosar a nosa repulsa ante un acto tan violento e terrible. Unha repulsa que remarcaremos hoxe mércores nunha concentración  na Praza do Concello, en Ribadumia, as 20:00, concentración á que convidamos as nosas veciñas e veciños a participar e amosar así unha repulsa que non debe vir só dos colectivos, senón de toda a sociedade. 
Como entidade traballamos para dar todo o  apoio posible ás mulleres que sofren a mans das súas parellas, e aos seus fillos e fillas. Sabemos que as cousas están en certo modo mudando: cada vez hai máis denuncias e máis separacións que poñen fin a relacións de violencia,sexa física, psicolóxica ou económica. Pero hoxe non podemos ser optimistas. Hoxe non. 
Debemos  meditar como sociedade. Debemos meditar sobre o que está acontecendo. Porque algo falla cando case cada semana nos levantamos cun novo asasinato de mulleres a mans das súas parellas ou ex parellas. Accións violentas que moitas veces levan tamén por diante a persoas próximas ás vítimas, cando non aos propios fillos. Eles, os fillos e as fillas, sempre son vítimas, aínda que despois ninguén os teña en conta, nin entren nas estatísticas.. 
As accións violentas déixannos sempre conmocionadas, cun fondo sentido de impotencia. Por ese motivo temos que insistir na necesidade de evitalas a toda costa. Nós, como asociación de apoio ás vítimas, estamos sempre dispoñibles para axudar, pero é imprescindible que sexan as vítimas as que tomen a decisión de romper a situación na que se encontran, antes de que acontezan cousas terribles, ou irremediables. Por favor, non agardedes a que cheguen os golpes, e se chegan non agardedes a que vaian a máis. Pódese saír dese pozo, pero hai que facelo a tempo. 
Tamén a clase política debe meditar sobre as políticas de prevención da violencia de xénero é de apoio ás vítimas, das que se fala moito pero ás que se lles dedican poucos recursos. Cansa ver como as mesmas persoas que estes días se rasgan as vestiduras ante un acto terrible, o resto ano permiten que mulleres da nosa comarca teñan que verse a cara, en lugares públicos sen seguridade de ningún tipo, co seus maltratadores á hora de intercambiar á custodia dos fillos. Cansa ver como as vítimas, que moitas veces viven sometidas economicamente aos seus maltratadores, cando por fin deciden romper con esa vida, apenas perciben axudas para poder saír adiante e poder integrarse na sociedade dun xeito digno. Doe ver moita propaganda e poucos feitos. 
Os maltratadores do futuro hoxe son nenos inocentes aos que como sociedade debemos formar. Dende o fogar debemos transmitirlles valores de igualdade e de respecto, e dende o ámbito educativo deben tamén incluírse materias que incidan en transmitir valores positivos. Debemos modificar as leis  para que os maltratadores non poidan saír impunes, e os mecanismos para garantir que as vítimas estean protexidas dende o primeiro momento. Demasiadas mulleres morren a mans de homes con ordes de alonxamento.  Debemos, todas e todos, darlle as costas aos maltratadores, illalos e amosarlles que os comportamentos machistas non teñen cabida na sociedade. 
Debemos actuar. Debemos deixar de ser observadores das desgracias e actuar para mudar esta situación. Sabemos que o de onte non será o último caso, pero estamos seguras de que entre todas e todos, podemos erradicar a violencia machista. 
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/esmar-non-a-violencia/esmar-non-a-violencia/20190918000759248111.html


© 2019 Diario de Arousa